Carmen Basadre presentou a nova programación, dirixida os mozos e mozas de 14 a 35 anos, que se desenvolverá dende o 15 de febreiro ao 3 de xuño na Casa da Xuventude
Todos os interesados en participar poden inscribirse dende hoxe na Casa da Xuventude. O prazo de inscrición, que é diferente para cada actividade, pode consultarse na web www.lugo.gal
Acrosport, hip-hop, breakdance, parkour, defensa persoal ou wushu son algunhas das actividades que organiza a entidade local todos os sábados ata xuño dentro do programa +Xti

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este luns na Casa de Xuventude os novos talleres para mozos e mozas de 14 a 35 anos, que o Concello de Lugo organiza a partir de febreiro. O Concello oferta unhas 470 prazas para participar en 28 obradoiros, que se desenvolverán dende o vindeiro 15 de febreiro ao 3 de xuño na Casa da Xuventude.
“Coa organización destes talleres, o Concello quere ofrecer unha alternativa distinta aos rapaces par que empreguen o seu tempo de lecer ben na práctica deportiva ou na aprendizaxe de habilidades sociais, ao tempo que se relacionan con outros mozos da súa idade”, subliñou Basadre.
Grazas a estes talles, os mozos e mozas terán a oportunidade de preparar os exames de inglés Pet e First. Tamén poderán practicar zumba, pilates, ioga ou aprender técnicas de relaxación, así como familiarizarse coas técnicas da cociña ou da repostería. Iniciarse no teatro e aprender a facer calceta ou ganchillo son outras temáticas destes talleres. Esta programación inclúe tamén actividades sen límite de prazas como un taller de vestimenta romana-castrexa.
A Casa da Xuventude, ademais de actividades de lecer, tamén acollerá obradoiros formativos de monitor de tempo libre, pescadería ou manipulador de alimentos, entre outros, así como a creación dun horto urbano.
Como inscribirse
Todos os interesados en participar nalgún destes talleres poden inscribirse dende hoxe na Casa da Xuventude, de luns a sábados, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30 horas. O prazo de inscrición, que é diferente para cada actividade, pode consultarse na web www.lugo.gal. As prazas, de ser máis anotados que prazas ofertadas, cubriranse por sorteo.
14.000 participantes no 2015
Durante a presentación, a Concelleira amosou a súa satisfacción polo éxito que ano tras ano acadan estes talleres xuvenís. De feito, no 2015, tomaron parte nos 66 obradoiros programados, máis de 14.000 mozos e mozas, o 57% mozas e o 43% mozos. O mes que rexistrou máis participación foi febreiro, con 2.164 persoas. A programación da Movida Alternativa Xuvenil (MAX) foi a que máis curiosidade espertou, participando nela máis de 2.600 persoas.
Sábados +Xti
Basadre tamén presentou as novas actividades xuvenís gratuítas para mozos de 12 a 30 anos, que o Concello de Lugo organiza todos os sábados na Casa da Xuventude ata xuño, enmarcados dentro do programa +Xti de prevención no consumo de drogas.
Con estes obradoiros, os rapaces e as rapazas terán a oportunidade de practicar acrosport, un deporte que combina acrobacia e coreografía, hip-hop, breakdance, parkour, defensa persoal ou a arte marcial wushu. Os participantes tamén poderán manter un corpo san a través de sesións de zumba ou de sesións de adestramento físico. Os obradoiros de cociña son outra das opcións que o Concello lles ofrecerá aos mozos.
Para toda a poboación, e enmarcado tamén dentro do programa +Xti, o Concello ofrece patinaxe en liña, tiro con arco e tenis de mesa, no Polideportivo da Piringalla e no Parque da Milagrosa os venres de 23:00 a 00:30horas, de 21:30 a 23:00 horas, e os sábados de 20:30 a 22:00 horas, respectivamente. As inscricións realizaranse na Casa da Xuventude.
Audio
- Carmen Basadre, durante a presentación da nova programación de actividades, dirixida á xuventude |Descargar mp3
Máis info
- Programación de actividades dirixidas á xuventude|Descargar pdf