O Concello licita obras de mellora en 7 estradas do rural por preto de 186.000 euros

A Xunta de Goberno deu luz verde á contratación destas tarefas, que consisten na pavimentación, así como na limpeza das cunetas e sinalización

Na sesión deste xoves, aprobouse a concesión da liña de axudas para facer uso de taxi adaptado, para as que a entidade local destina 9.000 euros. A contía será de 800 euros, a excepción das persoas empadroadas no rural, que será de 1.000€

Xoves, 13 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste xoves aprobou a licitación de obras de rexeneración de firme en 7 estradas municipais, que afectarán a uns 4.000 metros. Así o informou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen avanzou que a licitación se fará por procedemento aberto. Do mesmo xeito, aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación.

Tal e como explicou Fernández, o valor estimado do contrato para a totalidade é de preto de 186.000 euros, que se dividen do seguinte xeito, 52.496€ para o vial que vai dende Barbaín á LU-P-2918  (Santa María de Bóveda), 13.602€ para a estrada que vai dende a LU-P-2907 á Igrexa de Soñar, 21.318€ para a que une Nova Frigsa con Vilar (Cuíña), 28.827€ para o vial de Barcia ao límite de Outeiro de Rei (Mazoi), 27.400€ para a estrada que vai dende a LU-P-2918 con Santa María de Bóveda, 2.441€ para un vial de Recimil, e 41.046€ para o que vai dende a LU-530 a Santa Leocadia (Carballido). Os traballos a realizar nas estradas consisten na súa pavimentación, así como na limpeza das cunetas e pintado e sinalización.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello na páxina web www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 26 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

Bono-taxi
A Xunta de Goberno aprobou tamén este xoves a concesión da liña de axudas para persoas con discapacidade física e afectadas de graves dificultades de mobilidade que teñan que facer uso de taxi adaptado, o denominado bono-taxi, para as que o Concello destina 9.000 euros. A contía de axuda a cada persoa solicitante será de 800 euros anuais, a excepción das persoas empadroadas na zona rural, casos nos que o límite máximo será de 1.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Muramiñae
Na sesión deste xoves, a Xunta de Goberno aceptou a subvención de 10 millóns de euros do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, no marco do programa de fondos para o desenvolvemento de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Así mesmo, aprobou o compromiso de achegar o 20% para o proxecto Muramiñae, 2,5 millóns de euros, co que o Goberno Local quere integrar o Miño na cidade a través do Carme. Tras este paso, a entidade local remitirá ao Ministerio dita aceptación.

Vello Cárcere
Miguel Fernández informou de que na sesión deste xoves, a Xunta de Goberno tomou tres acordos relativos á primeira fase das obras de rehabilitación do Vello Cárcere. Por un lado, a aprobación do proxecto modificado de obra para efectos da legalización de actuacións, algunhas delas xa executadas, relativas a demolicións de muros, movementos de terras, cimentacións, apeos, albanelería, revestimentos de morteiro, pavimentación, carpintería, ferraxes, a tarima de aulas ou pintura.

Por outro lado, deuse luz verde a sacar a contratación as obras non previstas no proxecto orixinal e non aceptadas pola anterior adxudicataria. Trátanse da demolición de soleira, escavación, movementos e transporte de terrea, recheos de zahorra e xabre, modificación dos trazados de instalacións, inclusión de novas arquetas e tapas, novo solado de formigón, nova pavimentación para dar resposta a itinerarios adaptados, e nova pavimentación de lousas de formigón para igualar ás lousas existentes, cara as torres do seminario, entre outros. Por último, aprobouse o gasto de 296.325 euros (96.600€ do proxecto de modificación e legalización e 199.700€ das obras a maiores).

Ademais, fóra da orde do día, aprobouse un suplemento de crédito. O superávit do Concello elévase a máis de 7,6 millóns de euros, dos cales 6,7 irán destinados á amortización da débeda. Este proxecto de modificación do vixente orzamento, mediante a súa modalidade de suplemento de crédito, será sometida ao Pleno.

Audios

  • Miguel Fernández, sobre as obras de mellora en 7 estradas | Descargar mp3
  • Miguel Fernández, sobre o bono-taxi para persoas con graves dificultades de mobilidade | Descargar mp3

Noticias relacionadas