O Concello licita o conxunto escultórico que presidirá o Parque da Lembranza na honra das vítimas e profesionais que loitaron na pandemia

O executivo de Lara Méndez aprobará na Xunta de Goberno Local o inicio da contratación para a instalación desta obra, composta por dez pezas individuais de madeira e aceiro.

“Pretende poñer de manifesto o vínculo existente entre o ser humano e a natureza, de forma que simulen a presenza de seres vivos en comunidade”, explicou a rexedora.

As pezas que compoñen o conxunto escultórico serán diferentes entre si, cunhas dimensións que oscilan entre os 40-80 cm de ancho e 1.80-2.00 m de altura aproximada.

O novo parque aglutina catro parcelas municipais nunha superficie de case 770 m2, situadas entre a Rolda do Carme e o Regueiro dos Hortos.

Mércores, 17 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello licita o conxunto escultórico que presidirá o Parque da Lembranza na honra das vítimas e profesionais que loitaron na pandemia

O executivo de Lara Méndez aprobará na Xunta de Goberno Local desta semana o inicio da contratación para a subministración e instalación do conxunto escultórico que presidirá o recementemente creado Parque da Lembranza, situado no barrio do Carme. Esta nova zona verde, posta a disposición da cidadanía lucense, ten unha destacada pegada simbólica en tanto pretende ser unha homenaxe ás vítimas da Covid-19, así como a todo o persoal que loitou en primeira liña e segue loitando contra a pandemia.

O deseño proposto está composto por dez pezas individuais de madeira -que xuntas constitúen un conxunto escultórico armonioso- combinadas con aceiro corten, que se disporán sobre unha parte do terreo de forma ordenada para que queden todas as pezas visibles dende os distintos ángulos de observación.

“As pezas figuran persoas e á vez elementos vexetais, polo que pretende poñer de manifesto o vínculo existente entre as persoas e a vida, entre o ser humano e a natureza, de forma que simulen a presenza de seres vivos en comunidade: tanto de persoas, como de masa vexetal, quedando á libre interpretación individual” explicou a rexedora.

Neste senso, Méndez subliñou que “a idea de combinar a comunidade, a humanidade e a vida vén motivada pola resposta que tivemos de forma común as persoas fronte á pandemia provocada pola Covid-19, e dalgún xeito para renderlles homenaxe ás vítimas e a tódalas persoas involucradas na loita pola vida e pola axuda á comunidade”.

A situación destas pezas dentro do parque levarase a cabo nunha explanada coa mesma cota, o que permitirá a súa visualización dende calquera punto do entorno, ao tempo que resulta cómoda a súa contemplación dende os bancos que se dispoñen no parque. As pezas que compoñen o conxunto escultórico serán diferentes entre si, cunhas dimensións que oscilan entre os 40-80 cm de ancho e 1.80-2.00 m de altura aproximada.

A cimentación realizarase nunha única lousa de formigón armado de dimensións aproximadas de 5.5 x 2 metros sobre a que se situarán as pezas escultóricas, delimitada no seu perímetro por un zuncho de formigón armado. O sistema de anclaxe de cada peza á lousa de formigón deberá ser detallada polo adxudicatario da obra, que disporá de 40 días naturais, dende a sinatura do contrato, para instalar o conxunto. Tanto a lousa como o zuncho quedarán enterrados uns 10 cm por debaixo do terreo actual, de tal maneira que o formigón e o sistema de anclaxe das pezas quede completamente oculto polo propio xabre que se dispón nesa zona.

Características do parque

A rexedora lembrou que neste parque, “a cidadanía lucense pode atopar un lugar de reflexión ao acougo que brindan as especies autóctonas coa que se reforestou a área” que aglutina catro parcelas municipais nunha superficie de case 770 m2, situadas entre a Rolda do Carme e o Regueiro dos Hortos.

Os labores realizados incluíron a creación de camiños, plantación de céspede e vexetación arbórea, así como a instalación de alumeado e de mobiliario urbano, “co obxectivo de habilitar un novo emprazamento nun dos barrios máis emblemáticos da capital, para o lecer da poboación, incrementando a oferta de zonas verdes en Lugo”, indicou Méndez.

A rexedora sinalou que a actuación solucionou, alén, o problema de accesibilidade existente desde o Regueiro dos Hortos ata a Rolda do Carme – onde actualmente existen unhas escaleiras recentemente restauradas – mellorando a mobilidade nunha contorna tan sensible e frecuentada como a Vía XIX e o Camiño Primitivo.

Documento

Noticias relacionadas