A edil Ángeles Novo invita á cidadanía a participar nesta iniciativa que busca poñer o foco “no papel protagonista das mulleres no desenvolvemento sostible do rural no municipio”.
A Aula da Natureza do Veral será o punto de partida e chegada deste percorrido de 3,5 quilómetros e de dificultade baixa, no que se empregará pouco menos de dúas horas.
A concelleira de Muller sinala que “con esta actividade faremos fincapé na necesidade de desterrar as desigualdades que aínda son máis acusadas no medio rural”.
A área de Muller e Igualdade do Concello de Lugo, que dirixe Ángeles Novo, está a preparar a celebración dunha andaina pola ruta da Chousa, na zona do Veral, coa que conmemorar o Día Internacional da Muller Rural, que se celebra mañá, organizada pola propia concellería. Será o vindeiro sábado, día 18, desde as 11.00 da mañá, con saída e chegada na Aula da Natureza do Veral, desde onde partirá unha andaina duns 3,5 quilómetros, na que se empregará pouco menos de dúas horas. A edil encargada desta área invita á cidadanía “a participar nesta iniciativa que busca poñer o foco no papel protagonista das mulleres no desenvolvemento sostible do rural no municipio”. Ademais, sinala que “outro dos obxectivos desta andaina será tamén o de reivindicar a erradicación de desigualdade que hoxe en día aínda son máis acusadas no medio rural. Temos a obriga de loitar por un rural máis vivo e igualitario”, sinalou.
Para dar visibilidade a todas estas cuestións, desde a Concellaría de Muller e Igualdade se está a traballar tamén coa área de Cohesión Territorial, que dirixe Ana González Abelleira, e que é a responsable da xestión e funcionamento dos servizos municipais nas zonas rurais do Concello de Lugo. Ambas concelleiras insisten na “necesidade de poñer en valor o traballo que fan as mulleres rurais e o valor que desempeñan no desenvolvemento sostible do rural no municipio de Lugo”.
Outro dos temas que se quere reivindicar con esta andaina e a loita pola erradicación de certas desigualdades que aínda son máis acusadas nas zonas rurais que nas urbanas. Neste sentido, Ángeles Novo fala de “obstáculos maiores tanto nos estereotipos e roles de xénero como na existencia da brecha salarial, o difícil acceso da muller rural a postos de traballo de alta capacitación, ou a concentración de empregos no sector servizos e con xornadas parciais, entre outros aspectos. Hai que loitar contra estas desigualdades para ter un rural máis igualitario”. Ademais sostén que “a falta de recursos, os estereotipos e o illamento, fan da violencia machista unha lacra aínda maior no ámbito rural”.
Todas estas reivindicacións son as que centrarán a andaina pola rura da Chousa do vindeiro sábado para conmemorar o Día da Muller Rural, cuxa data oficial celébrase mañá 15 de outubro a nivel internacional. Para tomar parte nesta actividade é necesario inscribirse antes da propia xornada de mañá, día 15, no 010, no teléfono de información gratuíta do Concello de Lugo.
Ademais de tomar parte nesta xornada de conmemoración e reivindicación, o percorrido desde a Aula da Natureza do Veral por aproximadamente 3,5 quilómetros de ruta, permitirá coñecer algo máis sobre a flora, a fauna e o patrimonio desta zona, así como a contorna do río Mera, os antigos muíños, unha canteira abandonada, e Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe do Veral, ou a propia paisaxe de bosques de teixos, bidueiros, amieiros e salgueiros, entre outras especies. Para rematar esta actividade, se servirá un aperitivo saudable ao que invitan a todas e todos os participantes na andaina.
Audio
- A edil de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, sobre a nova actividade polo Día da Muller Rural | Descargar mp3

