O plan supón un aforro medio do 70% no consumo eléctrico e reforza o compromiso coa sostibilidade e o equilibrio territorial.
As actuacións chegaron a máis de trinta núcleos e parroquias, contribuíndo á mellora dos servizos básicos e á modernización do rural.
A concelleira Ana González Abelleira destaca que “este plan demostra que o noso compromiso co rural é real e constante”.

A Área de Cohesión Territorial do Concello de Lugo desenvolveu ao longo de 2025 un amplo programa de renovación do alumbrado público rural, cun investimento total de 104.158 euros e a modernización de 261 puntos de luz en máis de trinta parroquias e núcleos do termo municipal. O proxecto enmárcase na estratexia de equilibrio territorial e sostibilidade enerxética impulsada polo goberno local, orientada a mellorar os servizos básicos no rural e reducir o consumo eléctrico.
A concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, explicou que “este plan demostra que o noso compromiso co rural é real e constante; investimos para que todos os veciños e veciñas conten con servizos modernos, eficientes e respectuosos co medio”, e subliñou que a renovación do alumbrado “tamén repercute positivamente na seguridade das vías e no benestar da veciñanza”.
Os traballos máis amplos realizáronse nas parroquias de San Salvador de Outeiro, Bocamaos, Abelairas–San Xoán do Alto, Louzaneta e Malle–Santa María de Bóveda, onde se substituíron 190 luminarias antigas de mercurio por novas de tecnoloxíaLED, cun investimento conxunto de 73.415 euros. As actuacións incluíron a restauración de placas, podas de liñas e subidas de luminarias, aproveitando os armazóns existentes e modernizando o cableado e as conexións para mellorar a eficiencia. Para Abelleira, “cada punto de luz renovado é un paso máis cara a un rural máis moderno e sostible, no que o aforro enerxético vai da man da mellora dos servizos públicos”.
Xunto a estas obras principais, Cohesión Territorial executou melloras en 71 puntos de luz adicionais, cun investimento de 15.057 euros, en núcleos como Vilariño (Labio), Abeledo, As Chousas (Bacurín), Progalo, Montecelo (San Vicente de Pedreda), Piñeiro (Ribas de Miño) e As Navieiras (San Salvador de Outeiro). En todos eles realizáronse tamén tarefas de restauración de placas, revisión das liñas e substitución de compoñentes, co obxectivo de mellorar a calidade do servizo e garantir unha iluminación máis eficiente e segura nas vías rurais.
As brigadas municipais participaron activamente con pequenas intervencións en puntos concretos como Louzaneta (carretera de Friol), Outeiro (Saa), Bóveda (Farxocos), Carballido (O Pondelo), Soñar (Casa parroquial e Amieiros), Tirimol (Monte de Brea), Mazoi (Cacabelos), San Xoán de Pena e Santa María Alta. Estes traballos, cun investimento global de 7.846 euros, incluíron instalacións de cableado, colocación de postes e proxectores, reforzando así a rede de iluminación en zonas dispersas e mellorando a seguridade e o benestar da veciñanza.
Ademais, actualmente estase a levar a cabo unha actuación en Piñeiro (Ribas de Miño), centrada na mellora da iluminación do campo da festa, cun investimento de 7.840,32 euros, que completa o total executado do plan de renovación de alumbrado rural neste exercicio.
Aforro enerxético e novas actuacións
O conxunto das obras supón un aforro medio do 70% no consumo eléctrico, pasando dun total estimado de 40,6 kWh a 7,0 kWh por hora, o que representa unha redución moi significativa tanto no gasto municipal como nas emisións de CO₂. Este avance sitúa o municipio á vangarda das políticas locais de sostibilidade, ao combinar eficiencia enerxética, redución de custos e mellora dos servizos públicos.
Neste sentido, Abelleira lembrou que “apostar por un modelo de iluminación eficiente non é só unha cuestión económica, é tamén unha decisión ambiental e social: reducimos consumo, coidamos o medio e melloramos o día a día da xente”.
A Área ten xa preparada unha nova liña de actuacións por valor de 50.000 euros, que permitirá continuar coa renovación do alumbrado en parroquias como O Veral, San Xoán de Pena, Nadela, Coeses, Santa María de Muxa, Calde, Tirimol, Esperante, Soñar, Santiago de Saa, Cuiña, Bazar, Mazoi e Santa María Alta, entre outras. Con esta nova fase, o Concello reforza a súa aposta por un rural con máis servizos, máis sostible e con igualdade de oportunidades.
Audio
- A concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, na renovación de 261 puntos de luz no rural | Descargar mp3

