O Concello instalará un aseo público autolimpable no Parque de Rosalía de Castro

A Xunta de Goberno deste mércores deu luz verde á apertura do procedemento de adxudicación deste aseo, no que se valorará o equipamento, accesibilidade, innovación no deseño ou eficiencia enerxética, entre outros

A entidade local destina 69.000 euros a proxectos de cooperación ao desenvolvemento. As solicitudes poderanse presentar ao longo de 15 días naturais dende a publicación do extracto da convocatoria no BOP, que é remitido pola BDNS

O Concello selecciona persoal co fin de elaborar unha lista para a cobertura de prazas de ordenanzas. O prazo de presentación de instancias será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte á súa publicación no BOP

Mércores, 16 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo instalará un aseo público autolimpable no Parque de Rosalía de Castro, unha actuación que ten un prezo de licitación de 40.000 euros, unha necesidade que lle trasladaron tanto algún grupo político da Corporación como distintos veciños e veciñas ao Concello, dado a gran utilización deste espazo verde, en pleno centro da cidade, que ofrece 23 hectáreas de zona verde e un miradoiro único.

Así o deu a coñecer este mércores tras a Xunta de Goberno Local o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que na sesión deste mércores se aprobou o proxecto técnico e o prego de cláusulas administrativas particulares, así como a adxudicación por procedemento aberto.

O prazo para presentar ofertas será de 15 días naturais dende o Boletín Oficial da Provincia (BOP) e o prazo máximo de entrega, de 45 días. Para a súa adxudicación valorarase o equipamento, a accesibilidade, o deseño innovador ou a súa eficiencia enerxética, entre outros.

69.000 euros para proxectos de cooperación

Miguel Fernández informou este mércores de que a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da concesión de subvencións a ONGD para a realización de proxectos de cooperación ao desenvolvemento, ás que destina 69.000 euros. Todos os interesados nesta liña de axuda, que se convoca en réxime de concorrencia competitiva, poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello ao longo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, que é remitido pola Base Nacional de Subvencións.

Tal e como explicou Fernández, serán gastos subvencionables dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento, estudos técnicos, gastos da man de obra necesaria para a execución das obras, infraestruturas ou investimento e os de adquisición de bens e equipamentos inventariables, entre outros.

Lista para a cobertura de ordenanzas

A Xunta de Goberno tamén aprobou este mércores as bases que teñen por obxecto rexer a convocatoria do proceso selectivo co fin de elaborar unha lista para a cobertura interina de prazas ordenanza. Tal e como deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, o anuncio da convocatoria farase público no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. O prazo de presentación de instancias, que se realizarán no Rexistro Xeral do Concello, será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación no BOP.

Encomenda de xestión Evislusa

Entre outros asuntos, este mércores acordouse a encomenda de xestión a Evislusa para cuantificación do orzamento de execución do material que leva consigo, tanto a elaboración do proxecto de rehabilitación do inmoble número da Ronda da Muralla, que lle foi requirido á propiedade do citado inmoble, como a execución das medidas de seguridade, para proceder á execución subsidiaria destas obras.

Audio

Noticias relacionadas