Ana Abelleira e Yosehanna Ledesma deron a coñecer esta iniciativa que procura a inclusión de colectivos en risco de exclusión social a través de talleres de formación
A edil remarcou a importancia de Mar de Hilos que leva a cabo un importante traballo de sensibilización na poboación de acollida, así como tamén, un proceso integrador nas persoas migrantes
Co fin de dar a coñecer este proxecto realizarase un taller de expresión corporal e unha obra teatral o venres 20 ás 17.00 horas no Salón de Actos do Centro de convivencia Maruja Mallo

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, xunto a representante da ONG Accem Galicia, Yosehanna Ledesma e outras responsables do proxecto, deron a coñecer na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, o proxecto Mar de Hilos, unha iniciativa artística que procura a integración de colectivos en risco de exclusión social a través da arte. Esta proposta, que xa se levou a cabo no Concello de A Coruña, trata de achegar esta iniciativa á cidade de Lugo a través da representación dunha obra teatral.
Ana Abelleira sinalou a relevancia de levar a cabo este tipo de iniciativas que “traballa, paralelamente, en dous eidos concretos, a arte e a inclusión social. Este proxecto, que ademais desenvolve un importante traballo de sensibilización na poboación de acollida, lles permite aos homes e mulleres migrantes ser partícipes dun proceso integrador, social, lingüístico e relacional, que agardamos que tamén poida levarse a cabo na cidade de Lugo”.
Nesta liña Yosehanna Ledesma agradeceu o apoio do Concello e destacou que “este proxecto, non estaría completo se non actuara toda a sociedade no seu conxunto, creando relacións entre iguais”.
Esta iniciativa apoia o proceso de integración das persoas migrantes a través de actividades que permitan coñecer a contorna e crear novas redes con persoas da comunidade; así mesmo, fomenta a expresión corporal e a participación activa a través da creatividade e lles permite adquirir habilidades e capacidades laborais concretas mediante talleres específicos.
Fases e talleres formativos
O proxecto artístico desenvólvese en dúas fases que culmina coa representación dunha obra teatral. Na primeira delas realízanse talleres formativos, actividades paralelas e accións de difusión e recadación e a segunda fase céntrase na produción teatral, estrea e xira da obra.
Ademais establécense 5 grupos de traballo relacionados entre si nos que se realizarán talleres concretos en distintas disciplinas artísticas:
- Expresión Corporal: traballo de diferentes ferramentas para actores e actrices.
- Fotografía: coñecemento de aspectos técnicos e artísticos dentro deste eido e a composición.
- Música: taller enfocado na percusión dende un punto de vista teórico, histórico e práctico.
- Plástica: creación da imaxe de carteleira e programas da obra, así como tamén decoración e vestiario.
- Atrezzo e vestiario: deseño, organización e planificación de elementos visuais.
Como resultado á formación gratuíta recibida e co fin de dar a coñecer esta iniciativa na cidade de Lugo, realizarase a representación teatral da obra Mar de Hilos, na que porán en escena o resultado das sesións prácticas de aprendizaxe artístico. A actuación terá lugar o venres 20 ás 17.00 horas no Salón de Actos do Centro de convivencia Maruja Mallo, no que ademais realizarase un taller de expresión corporal para os asistentes. A entrada é gratuíta ata completar aforo.
Audio
- Ana Abelleira sobre a presentación do proxecto "Mar de Hilos" | Descargar mp3