O Concello e o Comité Anti-Sida presentan a campaña que levarán a cabo o 1 de decembro con motivo do Día Mundial da Sida

Martes, 30 de novembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, e a presidenta do Comité Anti-Sida de Lugo, Marisa Sánchez, presentaron hoxe a campaña que se desenvolverá na nosa cidade con motivo do Día Mundial da Sida que se conmemora o 1 de decembro.

Nesa data o Concello e o Comité Anti-Sida teñen previsto distribuír folletos informativos e preservativos, así como lazos vermellos que simbolizan a loita contra esta doenza.

A Concelleira explicou que “é necesario seguir falando desta enfermidade porque experimentou un repunte na xente nova e no colectivo homosexual” pero “tamén é necesario que a información chegue á xente maior e ás mulleres”.

Carmen Basadre destacou que é importante facer campañas de sensibilización e, sobre todo, “educar ós rapaces para que sexan conscientes de que se debe utilizar protección nas relacións sexuais”.

A presidenta do Comité Anti-Sida indicou que “a existencia de novas infeccións quere dicir que a pesar das campañas segue habendo persoas que teñen risco de contraer o VIH”. Tamén sinalou que, segundo o rexistro de novas infeccións feito en doce Comunidades Autónomas desde 2003, no 41,8% a transmisións foi por relacións heterosexuais, o 38,8% por relacións homosexuais entre homes e o 9,2% dos casos rexistráronse en usuarios de drogas por vía parenteral.

Tamén sinalou que no ano 2009 non se deu ningún caso novo de enfermos da SIDA en Lugo e a provincia da Coruña é a galega na que máis casos se rexistraron.

Sobre a evolución da SIDA en Lugo indicou que “o diagnóstico de novos casos foi baixando cada ano: pasou de 243 no ano 2000 ata tres casos novos no 2008 e ningún no 2009”.

Multimedia

Noticias relacionadas