O Concello de Lugo vai eliminar obstáculos para o movemento de peixes no río Miño

Venres, 21 de marzo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo eliminará obstáculos para o libre movemento da fauna no río Miño ó seu paso polo noso termo municipal.

A Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente proxecta unha actuación que ten o obxectivo de facilitar que os peixes poidan salvar sen dificultades o desnivel provocado por unha estrutura instalada no río á altura da Estación de Tratamento de Auga Potable de Lugo.

A Xunta de Compras do Concello autorizou hoxe o gasto de 7.260 euros na redacción do proxecto para crear un paso para peixes que permeabilice a estrutura transversal do azud da captación de auga da ETAP.

Esa estrutura, que atravesa o río Miño dunha beira a outra á altura da Estación de Tratamento de Auga Potable, actúa como unha pequena presa que retén a auga do río para captala con destino á ETAP e, nos períodos de estiaxe, cando baixa ós mínimos o caudal do río, chega a actuar como unha barreira que lle costa remontar á fauna piscícola.

Para evitar este problema medioambiental e facilitar que os peixes poidan moverse libremente polo río Miño, a área de Medio Ambiente do Concello decidiu encargar a redacción dun estudo a especialistas que deben determinar cal é a mellor solución para que os peixes poidan nadar augas arriba sen que llo impida ningún obstáculo.

Melloras na ventá arqueolóxica de Doutor Castro

A Xunta de Compras tamén acordou hoxe introducir melloras na seguridade da ventá arqueolóxica de Doutor Castro, por importe de 1.470 euros.

A ventá arqueolóxica, que amosa un fragmento do mosaico da Domus Oceani, consta de tres cristais que son de dous modelos distintos. Inicialmente optouse por instalar un cristal que ofrece peor visibilidade pero é antideslizante mentres que os outros dous facilitaban unha mellor visión dos achádegos arqueolóxicos pero non eran antideslizantes.

Logo do tempo que estivo a proba a ventá e dado que se produciu unha queixa dunha veciña que esvarou aínda que non sofriu danos persoais, o Concello acordou sustituir por cristais antideslizantes os dous que non o eran.

Noticias relacionadas