O Concello de Lugo reforza o investimento para asegurar a cobertura das necesidades dos veciños con dificultades económicas

Martes, 24 de xuño de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa
  Ana González destaca que o Concello de Lugo non bota balóns fóra como fai a Xunta 


A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, informou de que o Concello de Lugo segue a traballar, como o vén facendo desde hai anos, para dar cobertura a todas as necesidades que teñen as persoas máis vulnerables do noso término municipal.
“O Concello de Lugo non tira pedras fóra nin dí que é competencia de outros, como fai a Xunta de Galicia, que lle bota a pelota ós concellos, aínda que non teñan competencia, mentres outros traballamos para que todas as necesidades básicas de nenos e nenas e das súas familias estean cubertas”, salientou a Concelleira de Benestar Social. 
Ana González explicou que “o Concello de Lugo non empeza a traballar agora senón que o vimos facendo desde hai moito tempo e, grazas ó contacto diario dos nosos técnicos coas persoas que sofren máis dificultades temos a información que nos permite ir adaptándonos ás necesidades e non nos collen estas situacións tan de sorpresa como a outras administracións”.
A Concelleira de Benestar Social detallou os distintos recursos cos que conta o Concello de Lugo para asegurar a alimentación das persoas con dificultades económicas, sexa cal sexa a súa idade que inclúen, entre outros, servizos de cátering e de xantar no fogar.
Un destes recursos é o Servizo de Cátering que ofrece ata 7.110 menús ó ano, tanto para o xantar como para a cea. Este servizo dispón dun orzamento de 30.000 euros e na actualidade utilízano a diario 11 familias que recollen os seus menús nas instalacións do Fogar do Transeúnte.
A Concellería de Benestar Social tamén ofrece un Servizo de Xantar no Fogar, de 1601 menús cun total de 1.920 menús este ano, o que supón un investimento de 135.0000 euros.
Este verán, ademais, a maiores nas Ociotecas e nas Aulas de verán, nas que participarán máis de 1.200 nenos van ter acceso ó consumo de produto fresco, concretamente unha peza de fruta tanto a media mañá como a media tarde
Por outro lado, o Concello de Lugo incrementou este ano de 160.000 a 210.000 euros  o presuposto que destina a Emerxencia Social. González Abelleira salientou que “no que vai deste ano, levamos gastados 109.000 euros e dese importe o 7%, 7.687 euros, correspóndese con gastos de alimentación, mentres que o importe solicitado polas familias para pagar gastos en leites ou comidas infantiles foi estes meses de 259 euros, o que non chega ó 1% do total que temos investido en Emerxencia Social”.

Noticias relacionadas