O Concello de Lugo promove un ano máis unha campaña de recollida de xoguetes coa asociación Lóstregos Lucus

Luns, 01 de decembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo e a asociación Lóstregos organizan unha campaña de recollida de xoguetes con destino a nenos con poucos recursos económicos. A  Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, e o presidente da asociación Lóstregos Lucus, Raúl Rocha, presentaron esta acción solidaria na que esperan a colaboración de todos os lucenses.

É o segundo ano que se leva a cabo a campaña de Xoguetes en Movemento que pretende concienciar e sensibilizar á poboación nestas fechas previas ó nadal ante a situación de desigualdade social existente. Trátase de axudar a moitas familias que viven en situación de pobreza, sobretodo aos nenos e nenas que se atopan nunha situación de carencias e necesidades sen cubrir. Unha destas necesidades é a falta de recursos para que estes nenos e nenas poidan acceder libremente ao xogo e gozar dos xoguetes. Así, a recollida de xoguetes enténdese como unha resposta por parte da cidadanía ante esta situación e como unha actividade máis de sensibilización.

Dende o Concello e a Asociación preténdese que os nenos conten cun dos elementos fundamentais de aprendizaxe na infancia, o xogo,  para que poidan desenvolver as capacidades acordes á súa idade.

Esta campaña de recollida de xoguetes levarase a cabo gracias á colaboración desinteresada dos veciños dos municipio que poden colaborar levando xoguetes non sexistas, non bélicos e non usados.

Ata o 22 de decembro realizarase a recollida de xoguetes en diversos establecementos da cidade:
- La Cosechera de 1966
- A Esmorga
- La Internacional
- Chiqui
- Soho
- Sherpas de Rábade
- Cook
- Pasarela
-Chuché

Os xoguetes serán entregados por un Papá Noel motorizado na mañana do 24 de decembro.

Noticias relacionadas