O Concello de Lugo prevé pechar os sete primeiros meses de 2025 cun período medio de pago a provedores de 8,6 días, menos da metade que en 2024

A previsión para xaneiro-xullo sitúa este indicador moi por debaixo do límite legal de 30 días, fronte aos case 20 días de media no mesmo período do ano anterior.

O importe de facturas abonadas ascenderá a 32,5 millóns de euros, 2,78 millóns máis que en 2024, reforzando a dinamización da economía local.

A concelleira en funcións de Recursos Internos, Ana González Abelleira, subliñou que “estes datos confirman que Lugo é unha administración solvente, que paga máis e antes, apoiando ás nosas PEMEs e asociacións e contribuíndo ao progreso da cidade”.

Venres, 22 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo prevé pechar os sete primeiros meses de 2025 cun período medio de pago a provedores de 8,6 días, menos da metade que en 2024

O Concello de Lugo prevé pechar os sete primeiros meses de 2025 cun período medio de pago a provedores (PMPP) de 8,6 días, o que supón reducir á metade o tempo de espera respecto aos case 20 días rexistrados no mesmo período de 2024. Este dato sitúase, ademais, moi por debaixo do límite legal de 30 días establecido pola normativa. No mesmo período, o importe total de facturas abonadas ascenderá a 32,5 millóns de euros, 2,78 millóns máis que en 2024, o que amosa a capacidade do Goberno local para mobilizar recursos e reforzar o tecido económico da cidade.

A concelleira en funcións de Recursos Internos, Ana González Abelleira, salientou que estes resultados “confirman que Lugo é unha administración solvente, que paga máis e antes, apoiando ás nosas PEMEs e asociacións e contribuíndo ao progreso da cidade”. Engadiu que “a liquidez coa que contamos este ano, froito dunha mellor situación financeira e da dispoñibilidade do préstamo concertado en 2024, permitiunos manter un fluxo de pagamentos áxil e regular, mesmo en meses como xullo, cando noutras administracións a actividade se ralentiza polas vacacións”.

Entre os exemplos máis destacados, en xuño de 2025 o Concello pagou de media en só 4,32 días, fronte aos máis de 32 rexistrados no mesmo mes de 2024, unha redución de case 28 días. Tamén en marzo de 2025 se acadou un dato de 6,77 días, ao tempo que se abonaron 7,58 millóns de euros en facturas, case 3 millóns máis que en 2024. Estes casos amosan como, ademais de acurtar prazos, aumentou o volume de pagamentos realizados.

Cómpre precisar que os datos públicos dispoñibles chegan ata xuño. As estimacións internas de xullo, que se farán públicas en breve, permiten prever xa que a media global de xaneiro a xullo descenderá ata os 8,6 días, consolidando a tendencia positiva.

Este avance explícase tamén polas características do propio indicador: o PMPP mide os días transcorridos desde que a factura é fiscalizada ata que se paga, de xeito que non se ven afectados polos tempos que consumen os servizos na conformidade ou pola resolución de reparos. Trátase, polo tanto, dun parámetro fiel da solvencia e capacidade de pago do Concello unha vez cumpridos os trámites previos.

Morosidade: mellora destacada no segundo trimestre

A estatística de morosidade, que se calcula desde o rexistro da factura ata o seu pago e que ten un límite legal de 60 días, ofrece tamén un balance positivo en 2025. No segundo trimestre mellorou de maneira moi significativa, pasando de 87,16 días en 2024 a 53,83 en 2025, é dicir, máis de 33 días menos e cumprindo claramente coa normativa.

Neste caso, cómpre ter en conta que a morosidade inclúe os tempos de conformidade dos servizos ou os reparos de Intervención, factores que non dependen directamente da liquidez financeira. A pesar diso, o dato do segundo trimestre mostra un avance moi notable que, en palabras de Ana González Abelleira, “amosa que o esforzo de coordinación interna e de simplificación de procedementos tamén está a dar os seus froitos, reducindo prazos e mellorando o funcionamento global da administración”.

Compromiso do Goberno local

A concelleira en funcións de Recursos Internos, Ana González Abelleira, valorou estes resultados como “unha mostra de que Lugo é unha administración responsable, que cumpre cos seus provedores e apoia o tecido produtivo local”. Concluíu que “o noso obxectivo é seguir mellorando, porque sabemos que cada día que reducimos nos prazos de pago supón mellor liquidez para as empresas e entidades da cidade e, polo tanto, máis oportunidades de crecemento e emprego”.

Audio

Noticias relacionadas