O Concello de Lugo oferta unhas novas Xornadas de achegamento ao Tear Tradicional e á Artesanía da Lá para escolares

Venres, 29 de outubro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Case 1.000 persoas participaron nas anteriores 7 edicións

A inscrición para os centros escolares pode facerse ata o 30 de novembro

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, xunto con Carmen Rodríguez Álvarez, monitora das Xornadas, presentou hoxe as VIII Xornadas de achegamento ao Tear Tradicional e á Artesanía da Lá, que se desenrolará do 10 ao 14 de xaneiro no Centro de Convivencia de Fingoi.

As xornadas están dirixidas a nenos e nenas de segundo curso de segundo ciclo, e de primeiro e segundo curso do terceiro ciclo de primaria, que participarán en distintas tarefas como cardar a lá, fiar, devandar ou tecer, do mesmo xeito que se realizaban antigamente.

Segundo sinalou a Concelleira de Muller e Benestar Social, esta “é unha actividade con un gran éxito de participación, e nas que pasaron, durante os derradeiros sete anos, case 1.000 persoas, sobretodo rapaces e rapazas de centros escolares”. O obxectivo das xornadas é contribuír ao fomento do valor da cultura tradicional entre os máis novos, así como favorecer o coñecemento das tradicións e contribuír a preservalas.

Carmen Basadre sinalou que “neste proxecto participan un grupo de 16 mulleres voluntarias, xunto con dúas rapazas máis novas e que xunto con Carmen Rodríguez Álvarez, fan unha excelente labor social”. Pola súa banda, Carmen Rodríguez lembrou con especial agarimo o Obradoiro de Tear Tradicional e Alto Lizo, celebrado o pasado mes de setembro, e que contou coa participación de catro alumnas da asociación ASPNAIS.

Os colexios poden facer a inscrición ata o 30 de novembro no Centro de Convivencia de Fingoi ou a través dos teléfonos 982.297.455 ou 982.29.74.56.

Historia das Xornadas

Encadrada na programación de animación sociocultural do Centro de Convivencia Fingoi pertencente á Área de Benestar Social e Igualdade do Concello de Lugo, xorde no cuarto trimestre do ano 2000 como un obradoiro máis a actividade de Tear, tanto tradicional como de alto lizo. Neste caso adícanse a adultos (durante a semana) e a nenas e nenos todos os sábados de outubro a maio.

Unha vez transcorridos catro anos e realizados 20 obradoiros de adultos e 5 de nenas/os, e dado que esta é unha actividade que posúe un valor engadido respecto ás propias de animación sociocultural por tratarse dun oficio tradicional na nosa comunidade a piques de desaparecer, considerouse que se debía de abrir ao resto da poboación que lle puidese interesar. Deste xeito naceron as primeiras Xornadas de portas abertas do tear tradicional e da artesanía da lá durante 6 tardes do mes de maio de 2004, dirixidas a persoas de todas as idades, desde nenos a maiores.

Por outro lado e dado que nos 20 obradoiros para adultos que se levaban realizado ata ese intre, ofertáronse 245 prazas e nos 5 de nenas/os, 61, había xa un considerable número de usuarias ( mulleres) que seguían interesadas na actividade pero que xa tiñan un nivel de autonomía suficiente, motivo polo que se habilitaron as primeiras aulas abertas de tear tradicional. Éstas, para as que se require unha supervisión máis superficial da monitora, permiten dar entrada nos obradoiros a novos destinatarios (mulleres ata a actualidade) que seguen demandando a actividade por primeira vez.

Estas usuarias, asistentes ás aulas abertas, son as que fixeron posible o nacemento dunha terceira vertente para dar a coñecer a actividade de tear tradicional: as xa mentadas xornadas de portas abertas, nas que estas (16 mulleres e 3 nenas) empregaron os seus coñecementos en transmitilos ao resto das persoas, especialmente ás nenas e nenos.

Dado o interese que espertaron as primeiras xornadas, tanto nos medios de comunicación como nos destinatarios pensouse na posibilidade de realizar unhas novas xornadas dirixidas exclusivamente ao sector infantil e en horario escolar.
Deste xeito naceron as II xornadas de achegamento ó tear tradicional e á artesanía da lá , do 12 ó 25 de xaneiro do 2005. Ofertáronse directamente aos colexios públicos do noso concello e nelas participaron 311 alumnas/os dos tres últimos cursos de educación primaria de 4 deles.

As nenas e nenos que asistiron mostráronse moi interesadas/os polas explicacións que a monitora e as voluntarias (antigas alumnas) lles ofrecían, tanto sobre as prendas expostas na aula, antigas e modernas, como acerca do proceso que se seguía para elaboralas pero, por enriba de todo, por practicar no tear, fiar, etc. É de destacar o crecente aumento da colaboración das voluntarias que participan nesta actividade como monitoras e a súa actitude e implicación durante os días que duran as xornadas.
O interese espertado na poboación por estas xornadas (tamén nos medios de comunicación que se interesaron de xeito especial nesta ocasión) fai que se pensase nunha continuidade das mesmas e co afán de superarnos en cada unha delas.

Ademais das alumnas e alumnos dos tres últimos cursos de educación primaria, deuse entrada a rapazas e rapaces de educación especial e outros pertencentes a colectivos como COGAMI, S. DOWN, ASPNAIS,...

A evolución da participación nas Xornadas, a partir das segundas, foi a seguinte: 

XORNADA

Nº COLEXIOS

OUTROS COLECTIVOS

Nº ALUMNOS PRIMARIA

OUTROS

TOTAL

III

3

2 (COGAMI e S. DOWN)

143

27

170

IV

3

1 (ASPNAIS)

166

8

174

V

5

1 (ASPNAIS)

232

10

242

VI

3

1 (ASPNAIS)

176

10

186

VII

31

2 (ASPNAIS e CEE STA Mª)

128

27

155

TOTAL

6

4

845

82

927

1 CEIP Anexa, Casás, Cervantes, Galén, María Auxiliadora, Sagrado Corazón.

Ao chegar á VIII edición das Xornadas temos que destacar a súa consolidación que se manifesta en:

- a permanencia dos centros educativos que teñen solicitado noutros anos,

- a idoneidade da época do ano, tanto polos colexios como polo acoplamento co resto da programación anual de animación sociocultural do Centro,

- a repetición dunhas 7 voluntarias en todas as edicións polas que pasaron unhas 30, sen as que sería practicamente imposible artellar as Xornadas (compostas en cada sesión de hora e media por 10-12 “monitoras” á disposición das nenas e nenos ou rapazas/rapaces que participan nas mesmas).

- o interese espertado polos medios de comunicación, sendo, por exemplo, obxecto en dúas ocasións de reportaxes en directo para o programa “A Revista” da TVG, unha delas en 2007.

- a consecución dos obxectivos marcados á hora de programar estas Xornadas, non obstante seguimos traballando co fin de incorporar novos colexios por iso distribuímos a información co tempo suficiente e de xeito que chegue a todos.

Multimedia

Noticias relacionadas