O Concello de Lugo lidera un programa europeo de aprendizaxe de nova tecnoloxías para persoas maiores

Martes, 27 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre presentaron o proxecto europeo Senior Tics. Trátase dun programa innovador que quere achegar as novas tecnoloxías a toda a cidadanía, sen esquecer ás persoas maiores.

Nel participan ademais do Concello de Lugo, que é o promotor da idea, outros tres socios, a Cámara Municipal de Braga en Portugal, un centro de formación para adultos en Francia e unha empresa de novas tecnoloxías de Grecia.

Polo menos 60 persoas de España e Portugal serán formadas no uso de TIC, nun proxecto innovador que terá unha duración de 18 meses, coordenado pola Concellería que dirixe Carmen Basadre.

A proposta persegue incrementar as posibilidades de aprendizaxe ó longo de toda a vida para a xente maior, facendo fincapé nas súas necesidades de achegamento ó campo das novas tecnoloxías, do cal as persoas maiores son tradicionalmente excluídas.

O que se pretende é fomentar a súa motivación ofrecéndolles as ferramentas necesarias e desenvolvendo unha metodoloxía adaptada á súa idade, que será impartida por monitores con experiencia.

O proxecto ten polo tanto tres obxectivos principais:

-Animar á adquisición de capacidades básicas en novas tecnoloxías para a xente maior.

-Pensar a nivel europeo, sobre novas metodoloxías e o seu potencial para mellorar a maneira na que a xente maior aprende e pasa o seu tempo libre.

-Animar o diálogo inter-xeracional e recuperar a Memoria Histórica.

O coñecemento e competencias adquiridas pola xente maior serán reforzados con actividades de dinamización, entre as que se atopan: a creación de blogs persoais, a gravación de vídeos sobre memoria histórica ou a realización dun álbum dixital de fotos antigas e actuais da localidade.

Por outra parte, a proposta presenta un lado inter-xeracional importante, deseñado para facilitar a solidariedade e a comunicación entre a xente nova e maior, nun contorno educativo non formal, onde haberá unha importante retroalimentación entre os dous grupos. Así prevese tamén a realización de encontros entre os maiores e os mozos de centros escolares da localidade onde se comentarán fitos da nosa historia vividos polos nosos maiores, e se realizarán outras actividades conxuntas.

O intercambio de experiencias tamén será unha parte esencial deste programa. Os participantes de Lugo contactarán cos integrantes dos grupos de fóra para facilitarse entre eles información sobre as actividades e boas prácticas do proxecto, a través dun Foro Web.

O proxecto rematará coa elaboración dun dvd recopilatorio multilingüe que recolla as actividades postas en marcha no Senior Tics, haberá un Seminario internacional no que participarán os socios do proxecto para avaliar os resultados obtidos e un concuso internacional de fotografía.

Con relación ó impacto, a proposta está deseñada para traballar con xente de máis de 65 anos que nunca usaron un ordenador ou dispositivos tecnolóxicos.

Noticias relacionadas