O Concello de Lugo inviste máis de 234.000 euros en melloras de rúas en diferentes barrios da cidade

Luns, 25 de maio de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, presentou hoxe unha serie de obras que se están a efectuar na cidade e que supoñen un investimento total de 234.151 euros. O responsable da área de infraestruturas do Concello explicou que “independentemente das 79 actuacións incluídas no Fondo Estatal de investimento Local promovidas polo Goberno central, o Concello de Lugo segue a traballar na obra pública para mellorar e responder ás necesidades dos diferentes barrios da cidade”, e engadiu que “é un traballo que se está levando a cabo no Concello, seguimos traballando por Lugo e para Lugo, e para os veciños e veciñas da cidade, para mellorar a calidade de vida do noso día a día”.

O Concelleiro indicou que xa se están a executar as seguintes obras:

  • O ensanchamento da beirarrúa entre a Porta de San Fernando e a Ronda da Muralla, unha obra moi reclamado polos veciños polo volume de tráfico peonil que ten cada día e que agora contará con 4 metros de ancho. Esta obra supuxo un investimento de 8.167 euros.
  • O acondicionamento do contorno do Centro Cultural de Castelo ( a antiga escola) por un total de 14.954 euros, para proporcionar unha maior comodidade aos veciños
  • A rexeneración de firmes en Motirón intersección coa carreteira do Rato por un importe de 35.181 euros.
  • Rexeneración de firmes en San Fiz con Camiño da Costa por 40.753 euros.
  • Mellora da rede de saneamento en Anguieiro por 7.382 euros para proporcionar aos veciños da zona este servizo.

O Concelleiro explicou, ademais, que xa están adxudicadas catro obras por valor de 127.711 euros e que inclúen:

  • A rexeneración de pavimentos na rúa Oliveira por 57.805 euros.
  • A eliminación de charcos en Túnel de Oural por 13.986 euros.
  • A rexeneración de firmes na vía de servizo que une a Ronda Norte co barrio de As Gándaras ao carón do campo de fútbol por 23.727 euros.
  • A rexeneración de pavimento na intersección da Avenida da Coruña coa Ronda Norte por 32.193 euros.

Avenida de Ramón Ferreiro

O Concelleiro explicou nesta rolda de prensa que as obras de pavimentación e servizos da Avenida de Ramón Ferreiro incluídas dentro do Fondo Estatal de Investimento Local están xa adxudicadas provisionalmente. Piñeiro indicou que no momento no que estea formalizada a adxudicación definitiva “convocaremos unha xuntanza coa empresa e o Gabinete de Tráfico para organizar a circulación de vehículos pola zona e tratar de evitar os posibles problemas que puideran xurdir por mor das obras”.

Multimedia

Noticias relacionadas