O Concello de Lugo informará sobre os novos medios de pago telemáticos

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, e Pablo Segura responsable de Tribugest en Lugo, presentaron hoxe unha xornada sobre tributos locais que se celebrará no Centro Social Uxío Novoneira o vindeiro xoves 18 de outubro.

A xornada, organizada polo Concello e a concesionaria do servizo de recadación municipal, Tribugest, conta co apoio da FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias, que estendeu a convocatoria ós tesoureiros, interventores e técnicos municipais de todos os concellos e deputacións de Galicia.

A Concelleira de Economía e Emprego explicou que “a temática da xornada ten orixe na necesidade detectada polos técnicos municipais do Concello de facer un repaso e actualizar coñecementos sobre as formas de pago dos tributos existentes na Administración Local”.

Sonia Méndez indicou que “os datos de recadación en periodo voluntario no Concello de Lugo son moi positivos, rondando o 80-95% dependendo do tributo. Por iso, podémonos permitir non subir o IBI e o IVTM o próximo ano. Aínda así, queremos chegar ó 100% e para iso celebramos este xornada informativa”.

A idea de informar ós veciños e veciñas de Lugo sobre os medios de pago de recibos xurdiu ó detectar que só un 9% dos contribuintes do Imposto de Circulación o teñen domiciliado. A Concelleira de Economía indicou que ó contribuinte veríase benficiado ó evitar olvidos. “Sabemos que 1.174 recibos de IVTM pagáronse fóra de prazo, é dicir, estas persoas non tiñan a intención de non pagar ou de defraudar á Facenda Local, pero pagan fóra do periodo voluntario e, polo tanto, pagan con recargo, coa domiciliación evitarían este recargo do 5 %”. Por iso, a domiciliación beneficia ó contribuinte, e tamén ó Concello, que recaudaría máis eficientemente.

Pola súa banda, Luisa Zarzuela destacou que, nas xornadas haberá unha conferencia especialmente adicada ós veciños e veciñas de Lugo que estean interesados nos novos medios de pago que xurdiron nos últimos anos. Estes son os principais afectados polo pago de tributos municipais e o goberno local pretende facer máis cómodo o pago e evitar incomodidades innecesarias, así como evitarlles recargos evitables que ás veces se producen.

Zarzuela indicou que se pode acceder ó pago telemático con e sen certificado dixital, utilizando os servizos das entidades colaboradoras na recaudación do Concello para realizar se o desexa o pago de determinados tributos e ingresos municipais.

A Concelleira indicou que hai dous métodos para realizalo a través do portal Web do Concello de Lugo:

1.- Con certificado: Poseer un certificado dixital.

2.- Sen certificado: Dispor dunha conta corrente ou tarxeta de crédito/débito dalgunha das entidades colaboradoras.

Pola súa banda, Pablo Segura, o representante de Tribugest, destacou o esforzo realizado na selección de ponentes que participan nas xornadas.

Noticias relacionadas