O Concello de Lugo informará desfavorablemente ao proxecto de ampliación e remodelación da Protectora

Urbanismo sinala que o expediente non soluciona as deficiencias expostas no primeiro requirimento sobre a imposibilidade de legalizar as edificacións que incumpren a distancia mínima de separación a lindeiro.

A Administración Local lembra que está pendente a declaración de Incidencia Ambiental, que concede a Xunta, que aínda está en fase de exposición ao público ata o próximo día 8.

O Goberno Local insiste no seu apoio á legalización e ampliación das instalacións de Muxa, sempre que cumpran coa lexislación. 

Martes, 02 de setembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo informará desfavorablemente ao proxecto de ampliación e remodelación da Protectora

A Área de Urbanismo do Concello de Lugo vese obrigada a informar desfavorablemente ao proxecto de ampliación e remodelación das instalacións da Protectora, en Muxa, por incumprir a distancia mínima de separación a lindeiros, tal e como establece a Lei do Solo de Galicia. Así se desprende do segundo informe que realiza o Concello de Lugo sobre o proxecto de ampliación da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, ao considerar que non corrixe as deficiencias trasladadas no primeiro informe, comunicado a primeiros de xuño, no que xa establecía a necesidade de respectar os cinco metros libres a lindes, así como outras cuestións que cómpre emendar.

O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, lembra que “o apoio e o compromiso deste Goberno Local co proxecto de legalización, ampliación e remodelación da Protectora segue intacto, pero sempre dixemos que, como non podería ser doutro modo, tería que cumprir a lexislación vixente e corrixir uns erros que aínda son subsanables nesta fase de tramitación . Así llo recordamos na última reunión que mantivemos cos responsables da Protectora e así llo expoñeremos de novo no próximo encontro que esperamos manter”. 

Neste sentido, o edil de Urbanismo explica que “xa no primeiro requirimento enviado polo Concello de Lugo á Protectora instábamos a solucionar as deficiencias que presentaba en canto á distancia a lindes e outras cuestións. Neste novo informe volvemos pedir o cumprimento do retranqueo dos lindes da parcela de cinco metros, segundo establece a Lei do Solo de Galicia”. Este cambio é necesario para poder legalizar o proxecto citado, polo que tamén “é imprescindible garantir a demolición das instalacións actuais que non cumpran coa distancia a lindes e tamén co cumprimento das novas ou reformadas”. 

Por outro lado, o concelleiro de Urbanismo lembra que “desde o Goberno Local estamos pendentes de que a Xunta de Galicia aporte informes que son vinculantes para a autoridade municipal. Este é o caso da declaración de Incidencia Ambiental, que concede a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático”. Neste sentido, Jorge Bustos sinalou que dita declaración está en fase de exposición ao público, para a presentación de posibles alegacións, o que rematará o vindeiro luns, 8 de setembro”.

Multimedia

  • O Concello de Lugo informará desfavorablemente ao proxecto de ampliación e remodelación da Protectora

Noticias relacionadas