O Concello de Lugo elimina os problemas de verteduras nas Gándaras incorporando un pozo de bombeo na zona

 As obras que se levaron a cabo foron adxudicadas ao Grupo Bascuas cun investimento total de 47.000 euros.

O concelleiro de Medio Ambiente visitou a área onde se actuou para eliminar a contaminación do medio, nunha zona próxima ao “Arboretum” e ao nacemento do río Rato.

Luns, 02 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo elimina os problemas de verteduras nas Gándaras incorporando un pozo de bombeo na zona

O tenente de alcaldesa e edil responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisaba o remate das obras que se levaron a cabo para eliminar vertidos de augas residuais nas Gándaras, tarefas que foron adxudicadas ao Grupo Bascuas e contaron cun investimento total de 47.000 euros.

As obras consistiron na eliminación de dúas verteduras nunha zona moi próxima ao “Arboretum”, implantado nunha das zonas verdes do Polígono Industrial de As Gándaras, declarado Espazo Natural de Interese Local e ao nacemento do río Rato. Neste senso, o edil explicou que “o obxectivo fundamental desta instalación é, que se vertese cero, de augas residuais na cidade, nun claro compromiso coa sustentabilidade e o medio ambiente do actual equipo de Goberno”.

De tal xeito que se procedeu á construcción dun colector de P.V.C. de 315 mm de diámetro que discorre baixo a cuneta do camiño municipal existente, conducindo as augas residuais desde os puntos de vertedura interceptados por senllos pozos de rexistro ata o pozo de bombeo proxectado.

O pozo de bombeo alberga dúas bombas somerxibles trituradoras que impulsan o caudal acumulado no mesmo a través dunha tubaxe de polietileno ata un pozo de rexistro existente nas inmediacións do tanque de tormentas situado na Rúa dos Servizos. Esta tubaxe de impulsión instalouse pola marxe do carreiro que discorre pola zona verde.

Incluíronse tamén nesta actuación as obras necesarias para dotar de subministración de enerxía eléctrica á instalación de bombeo, así como a reposición de pavimentos afectados polas obras.

Neste sentido lembrou “que con estas obras eliminamos os vertidos non controlados, e tamén o impacto que estes teñen na contaminación medioambiental e estética urbana” finalizaba o edil.

Noticias relacionadas