O Concello de Lugo e o Club Fluvial presentan a segunda edición do curso da Escola de Montañismo

Mércores, 29 de febreiro de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, o Directivo do Club Fluvial, Eugenio Rodríguez, e o guía de alta montaña Gonzalo Dell Agnola, presentaron esta mañá a segunda edición do curso que ofrece a Escola de Montañismo e para o que está aberto o prazo ata o venres 2 de marzo.

O Concelleiro de Deportes explicou que esta iniciativa completa a que xa se iniciou o ano pasado que partiu dende o Club Fluvial, e contou co apoio do Concello de Lugo. O obxectivo desta Escola de Montañismo é o de achegar o ambiente de montaña mediante a práctica do deporte e desenvolver o respeto polos ambientes naturais. Díaz Grandío destacou que “dende sempre en Lugo houbo unha gran afición a este deporte e con esta Escola cóbrense parte das necesidades dos montañeiros lucenses”.

O curso básico de montaña, impartido polo guía de alta montaña Gonzalo Dell Agnola, dará comezo o vindeiro martes 6 de marzo, e terá unha duración de 6 meses. As materias están divididas en seis módulos dun mes de duración cada un deles, e impartiranse durante os meses de abril, maio, xuño, outubro, novembro e decembro. Nos módulos traballase os seguintes temas:

Módulo 1 “Introdución Primeiros Pasos”
Módulo 2 “Supervivencia, orientación e navegación”
Módulo 3 “Medio Ambiente e ecoloxía - primeiros auxilios”
Módulo 4 “Fundamentos de escalada en roca”
Módulo 5 “Loxística e Planificación de trekking e expedicións”
Módulo 6 “Montañismo Invernal”

Esta actividade, que xa o ano pasado tivo unha gran acollida, intentará desenvolver a prevención e autonomía do individuo en ambientes montañosos e que poida clarificar sen problemas unha excursión á montaña.

Curso de Nivel II

Como novidade, este ano tamén se crea un curso de Montañismo de nivel II para aqueles deportistas que o ano pasado participaron na primeira edición e xa dispoñen dos coñecementos básicos. Neste caso, vaise avanzar en técnicas específicas de alpinismo e que poidan desenvolver expedicións alpinas con un grao medio de dificultade. As materias que se van estudar nos módulos son:

Módulo 1 “Montañismo Invernal II e Primeiros Auxilios II”
Módulo 2 “Rescate e autorescate”
Módulo 3 “Escalada en roca e técnicas e manexo de cordas”
Módulo 4 “Alpinismo, altura e entrenamento”
Módulo 5 “Primeiros auxilios, rescate e evacuación de feridos”
Módulo 6 “Montañismo Invernal III”

En ambos cursos están previstas salidas ao aire libre especialmente a serra dos Áncares e ao Pirineos.

www.clubfluviallugo.com

 

Noticias relacionadas