O Concello de Lugo e a Fundación ONCE visitan a segunda fase das obras de accesibilidade da cidade

Xoves, 07 de febreiro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O investimento aproxímase aos 400.000 euros e inclúe obras nas rúas e a instalación de semáforos sonoros

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, o Director de Accesibilidade da Fundación ONCE, Jesús Hernández Galán, a Presidenta do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Mª Dolores Venancio, e o Director Provincial da ONCE en Lugo, Juan Leiros, visitaron parte da segunda fase das obras de accesibilidade levadas a cabo na cidade de Lugo.

O Alcalde, os responsables da ONCE e doutras asociacións da cidade, como COGAMI ou AUXILIA, achegáronse a ver as melloras realizadas no tramo de confluencia da Rúa Vilalba coa Ronda da Muralla.

López Orozco destacou o traballo realizado neste senso, e a “gran disposición das Asociacións lucenses na garantía do cumprimento dos dereitos da cidadanía”. Dende o ano 2005 o investimento na mellora da accesibilidade en Lugo superou os 800.000 euros.

O Director de Accesibilidade da Fundación ONCE suliñou a enorme importancia de que Lugo, a pesar de ser unha cidade bimilenaria, con maiores dificultades técnicas para a eliminación de barreiras que outras zonas, é un exemplo a seguir. Explicou que puido comprobar esta realidade achegándose ata o Concello paseando polas súas rúas. “Realmente está é unha cidade de todos”.

O Convenio de colaboración entre o IMSERSO, Fundación ONCE e o Concello de Lugo, inclúe a Segunda Fase das obras de accesibilidade en viario urbano no Concello de Lugo e do proxecto de instalación de semáforos sonoros na cidade. Para levalo a cabo o orzamento total foi de 395.445,65 €.

As obras de accesibilidade nas rúas da cidade de Lugo contaron cun investimento de 305.897,59 € e a instalación de semáforos sonoros de 89.548,06 €.

O Proxecto inclúe as melloras necesarias para suprimir as barreiras arquitectónicas existentes no viario da cidade de Lugo, atendendo ao disposto no Plan Especial para a Accesibilidade no Concello, que foi redactado en decembro de 1998, dacordo coa normativa vixente.

As rúas incluidas inicialmente no proxecto da Fase II son as seguintes:

- Rúa Vilalba
- Rúa Anxo López Pérez
- Praza da Constitución
- Avda. Rodríguez Mourelo
- Rúa Xeneral Tella
- Rúa San Roque
- Rúa Dinán
- Rúa Galicia
- Rúa Marina Española
- Praza da Liberdade
- Rúa Ortega e Gasset
- Rampa de Claudio López
- Rúa Armórica
- Rúa Pintor Corredoira

Dende a data de redacción do proxecto ata o momento en que se executaron as obras, tiveron lugar diversas actuacións na cidade, polo que algunhas rúas xa estaban adaptadas á normativa de supresión de barreiras arquitectónicas antes de que comezase esta segunda fase.

Nesos casos, foron substituídas por outras rúas que non estaban previstas inicialmente nesta fase, pero que si que estaban incluídas no Proxecto global redactado en 2003. Deste xeito, as rúas nas que finalmente se executaron as obras son as seguintes:

- Rúa Vilalba
- Praza da Constitución
- Avenida Rodríguez Mourelo
- Rúa Xeneral Tella
- Rúa Dinán
- Rúa Galicia
- Rúa Marina Española
- Rúa Ortega e Gasset
- Rampa de Claudio López
- Rúa Armórica
- Rúa Pintor Corredoira
- Ronda das Fontiñas
- Rúa Cambria
- Rúa Margarida

A supresión de barreiras arquitectónicas en Lugo permitiu distintas actuacións moi necesarias na cidade e que lle valeron a obtención do Premio Reina Sofia de Accesibilidade.

Entre outras, levouse a cabo a construción ou reforma de vados peonís nas súas diferentes tipoloxías, a eliminación de obstáculos nas beirarrúas (cambio de ubicación de sinais, semáforos, farolas, etc.), a eliminación de discontinuidades no pavimento en zonas peonís, o ensanchamento de beirarrúas, e a sinalización de pasos de peóns.

A empresa adxudicataria destas obras foi Obras y Construcciones Dios, S.A e o prazo de execución foi de 5 meses.

Semáforos sonoros
Esta segunda fase nas obras de accesibilidade en Lugo, tamén contemplou a instalación de semáforos sonoros nas seguintes rúas:

- Ronda da Muralla
- Rúa San Roque
- Glorieta Irmáns Pedrosa
- Praza Conde de Fontao
- Avenida da Coruña
- Camiño Real
- Rúa Tui
- Praza do Exército Español
- Avenida de Madrid

O Concello decidiu, sempre contando coa opinión das asociacións afectadas, instalar un dispositivo de sinalización acústica con emisión de mensaxe de voz grabado, e con volume axustable, evitando así as posibles molestias á cidadanía.

A empresa adxudicataria destas obras foi Telvent Tráfico y Transporte, S.A e o prazo de execución foi de 2 meses.

Obras con informe positivo
Unha vez rematadas estas obras de accesibilidade e instalación de semáforos sonoros por parte do Concello de Lugo, en Novembro de 2007 o Grupo de Avaliación do Comité Técnico realizou unha visita ás rúas que foron obxecto destas actuacións para verificar o seu estado e a calidade das obras executadas. Posteriormente redactouse un “Informe de calidade das obras de accesibilidade”, que tivo unha avaliación moi positiva por parte dos expertos.

IV Fase em marcha
No mes de xaneiro comezou a IV Fase do Plan de Accesibilidade do Concello, afectando ás seguintes rúas:
1.- Praza Conde de Fontao
2.- Escalinata da Estación
3.- Castelao
4.- Ronda do Carme
5.- Praza Fonte dos Ranchos
6.- Dr. X. Alonso Hortas
7.- Anduriñas
8.- Tui
9.- Serra Gañidoira
10.- Lamas de Prado
11.- Río Navia
12.- Camiño Real
13.- Conde
14.- Narciso Peinado
15.- Pintor Villamil
16.- Xulia Minguillón

Noticias relacionadas