O Concello de Lugo dixitalizará o seu Arquivo e porá en marcha un Observatorio Urbano da cidade

Luns, 09 de xuño de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Emprego xestionou neste primeiro ano de mandato case 4 millóns de euros procedentes de Europa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, presentaron hoxe a concesión de catro novos proxectos financiados con fondos europeos a través da Consellería de Traballo, e que supoñen un investimento de 1.102.507 euros para a administración local.

Son catro iniciativas moi innovadoras que permitirán a inserción laboral de 51 persoas e o asesoramento de preto de 500. Sonia Méndez destacou que dende que comezou este mandato “a Concellería de Emprego xestionou, mediante proxectos que competiron cos doutras cidades moito maiores, preto de 4 millóns de euros”. Amosou a súa satisfacción pola boa valoración que reciben as propostas realizadas dende o Concello de Lugo. “Estes proxectos permitirannos cumprir dous obxectivos que nos marcamos no noso programa, e que eran a mellora da formación e da inserción laboral dos lucenses”.

Esta subvención permitirá a posta en marcha de catro proxectos: un de Difusión das cooperativas, outro de orientación laboral, que se impartirá no Centro de Emprego que comezará a funcionar en xullo no CEI, un de contratación de desempregados para obras de interese do Concello, que inclúe o Observatorio Urbano, e unha Escola Obradoiro chamada A memoria da cidade.

Observatorio Urbano
Este proxecto, está incluído nun programa máis ambicioso que conta cun investimento de 390.900 euros e que beneficiará a 18 persoas formándoas en especialidades diferentes como a axuda no fogar, fomento do deporte ou promoción do asociacionismo de mulleres.

O Observatorio Urbano, conta cun investimento de 144.700 euros e beneficiará a 5 traballadores que no prazo dun ano terán que poñer en funcionamento un sistema de indicadores que, como sinalou a Concelleira de Emprego “identifiquen a realidade física urbana da nosa cidade, conterá todos os datos xeográficos e físicos do municipio de Lugo e servirá para facilitar a toma de decisións e avaliar a execución do presuposto do

Concello garantindo un gasto racionalizado e eficaz”. Tamén permitirá analizar a evolución do Plan Estratéxico e da Axenda 21, e a creación dunha Biblioteca dixital con información do concello “Este proxecto inclúe a creación dunha base de datos vinculada a un fondo dixital documental que garantirá a comunicación inmediata entre o Concello e a cidadanía”.

A finalidade deste observatorio, no que participarán un enxeñeiro técnico forestal, un técnico superior en desenvolvemento de aplicacións informáticas, un técnico superior en fotografía artística, e dous auxiliares administrativos, é coñecer e analizar a evolución da calidade de vida do municipio, vinculado á planificación estratéxica e ao desenvolvemento do territorio.

A memoria da cidade
Trátase dun dos proxectos máis innovadores obtido polo Concello de Lugo, e que permitirá a dixitalización dos fondos existentes no Arquivo Municipal dependente da Concellería de Cultura. Concepción Burgo, destacou a importancia deste proxecto, xa que “garantirá a conservación dos documentos en soporte papel aumentando os recursos informativos do Concello e facilitando ademais a tramitación telemática”.

Esta Escola Obradoiro foi subvencionada pola Consellería de Traballo, conta cun orzamento de 655.035 euros, e permitirá que 33 desempregados reciban formación nas especialidades de deseño gráfico, restauración de libros e encadernación artesanal. Outra das novidades deste proxecto é que os documentos dixitalizados terán o mesmo valor que en papel xa que levarán o selado electrónico.

Na actualidade, como lembrou Concepción Burgo, o Arquivo Municipal conta con arredor de 17.000 caixas de documentos gardadas no depósito e 3.000 no histórico, e con máis de 500 planos, fotografias e libros de actas de antes de 1812.

A memoria da cidade, permitirá aumentar os recursos informativos de cara á cidadanía e poñer en valor o rico patrimonio documental do Concello de Lugo.

Noticias relacionadas