O Concello de Lugo comunica á Xunta o inicio do estudo do río para poder habilitar este verán unha zona de baño pública no Miño

Nas vindeiras semanas un equipo técnico especializado realizará unha prospección ao leito fluvial para determinar a existencia de moluscos e a densidade das colonias.

O método combinará o emprego de mirafondos nos tramos vadeables e o mergullo autónomo e mediante snorkel nas zonas máis profundas.

De atoparse exemplares, se elaborará unha proposta de traslado, cunha metodoloxía detallada que será presentada á autoridade ambiental para a súa aprobación.

“As e os lucenses teñen dereito a bañarse no Miño pero dende o Concello queremos que o fagan de maneira segura e accesible por iso, tamén este ano, faremos todo o que sexa necesario para poder instalar a plataforma no río”, afirmou Miguel Fernández.

Venres, 19 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo comunica á Xunta o inicio do estudo do río para poder habilitar este verán unha zona de baño pública no Miño

A área de Medio Ambiente do Concello de Lugo vén de dar traslado á Xunta de Galicia da solicitude municipal para estudar o Miño co fin de habilitar nel, durante os meses de verán, unha zona de baño pública.

O tenente de alcaldesa Miguel Fernández explicou que a documentación entregada ao ente galego inclúe a comunicación dos traballos previos de prospección que a Administración local levará a cabo na canle fluvial para verificar cal é o estado do ámbito do río sobre o que ten autorización para colocar a plataforma.

“Deste xeito cumprimos co procedemento establecido de notificar ao Executivo autonómico o inicio dos traballos que deben comezar, precisamente, analizando as condicións medioambientais da contorna sobre a que se pensa actuar”, engadiu Fernández.

Así, o voceiro municipal sinalou que, logo de contratarse o servizo, nos vindeiros días os técnicos da empresa adxudicataria se mergullarán para coñecer o estado no que se atopa o leito, a fin de valorar qué medidas cómpre adoptar - se é que resulta preciso adoptar algunha - para garantir que a estrutura de baño poida instalarse sen que exista prexuízo algún para o ecosistema.

“Estes informes – afirmou o edil – serán claves para poder determinar con rigor que a ubicación para a que dispoñemos dos permisos durante 25 anos respecta as consideracións realizadas pola Xunta cando nos deron o seu beneplácito á concesión”.

Os traballos se desenvolverán nas vindeiras semanas e incluirán, alén da tramitación de permisos e autorizacións, a prospección da zona onde se prevé a colocación dos pantaláns flotantes para determinar a presenza de poboacións de moluscos bivalvos, así como a súa caracterización e selección e a proposta das zonas de traslado.

Na execución dos labores está prevista a participación de 6 técnicos cualificados que responden ao perfil de licenciados en bioloxía e técnicos ambientais.

“O método de prospección escollido combinará o emprego de mirafondos nos tramos vadeables en zonas pouco profundas, e o mergullo mediante snorkel ou tubo e mergullo autónomo nas zonas de maior profundidade”, abondou Miguel Fernández.

En caso de aparición de exemplares, rexistraranse as posicións das colonias mediante GPS, e determinarase a abundancia dos mesmos, localizándose visualmente e tomando nota da súa distribución, establecendo unha zonificación da área fluvial prospectada en distintos tramos en función da densidade das colonias observadas e efectuando o seu cálculo en cadrados de mostraxe de 50x50 cm, sen remover o substrato.

Complementariamente, en cada parcela tomaranse datos hidromorfolóxicos que permitan avaliar a calidade do hábitat para as especies obxectivo (profundidade, sombreado, granulometrías dominantes, presenza de finos e corrente).

“De acordo coa información obtida nestes traballos de campo elaborarase, a continuación, unha proposta de traslado, cunha metodoloxía detallada que será presentada á autoridade ambiental para a súa aprobación”, avanzou o responsable de Medio Ambiente.

“A normativa recoñece ás e aos lucenses o seu dereito a bañarse no Miño pero dende o Concello queremos que o fagan de maneira segura e accesible, por iso, tamén este ano, faremos todo o que sexa necesario para poder instalar a plataforma de baño no río”, sinalou Fernández.

O tenente de alcaldesa lembrou que a ubicación para a que o Concello dispón dos permisos se atopa en pleno cinturón verde da capital, a altura da Tolda de Castela.

“Unha localización – insistiu - que se considerou idónea, logo das conclusións do estudo de alternativas elaborado e da batimetría realizada e, en base á que se deseñou a estrutura contratada, adaptada xa a este espazo, que supuxo un investimento municipal de 305.000 euros”.

Trátase dunha plataforma flotante, de 64 metros de lonxitude, baseada nun sistema modular, que terá carácter temporal xa que estará operativa tres meses ao ano, e que se destinará a zona de baño tanto para adultos como tamén para crianzas.

Inspirada no deseño da exitosa enseada de La Villete de París, a dotación está composta por varias seccións. Por unha banda, unha estrutura superior, que servirá como zona de estancia, repouso e para acceso ás piscinas e, pola outra, catro piscinas de distintas características, con profundidades útiles de 1’20 m., 0’80 m., e dúas de 0’40 m., cumprindo así coas expectativas en canto a público infantil, xa que cada unha delas estará delimitada para un rango de idade determinado.

As piscinas dispoñen de fondo, conformado – como o resto da estrutura - por cubos flotantes ensamblados e unidos mediante un sistema de cordas de amarre así como rede de nailon marítimo específica para os laterais das mesmas, permitindo, deste xeito, unha recirculación constante no fluxo de auga e impedindo, ao mesmo tempo, as entradas e saídas polos laterais onde, por outra parte, se adecuarán dúas zonas para que os adultos poidan acceder ao río, xa sen piscina, de maneira segura.

Ao tratarse de elementos modulares isto facilitará a súa montaxe e desmontaxe, que se realizará basicamente de maneira manual, sen emprego de maquinaria pesada, co obxectivo de ocasionar a mínima afección á contorna fluvial e non alterar nin estragar en absoluto a marxe do río, sen danar a fauna e flora existentes mentres que se manteñen as debidas condicións de seguridade.

Noticias relacionadas