O servizo terá unha duración de tres meses e permitirá á cidadanía dispoñer de apoio específico, facilitando a solicitude e achega previa da documentación necesaria para a posterior tramitación e autorización dos diferentes permisos.
Para levar a cabo este labor cinco traballadores ofrecerán atención desde o edificio de Novas Tecnoloxías e na Unidade de Mobilidade da Policía Local, en San Fiz.
“O primeiro que deben facer as persoas interesadas é chamar ao número 982 29 73 77 onde se lles asignará unha cita presencial en calquera dos dous edificios municipais, segundo o seu interese”, explicou a rexedora.

O Concello de Lugo iniciará nos vindeiros días un proceso preliminar de actualización da base de datos da que xa dispón para regular, posteriormente, o acceso de vehículos ao Centro Histórico e poñer en marcha mecanismos de control do tráfico nas zonas recentemente peonalizadas (O Carme, Recatelo, Calzada da Ponte, Mosqueira e barrio da Milagrosa: rúa Menorca e Pintor Luis Seoane, entre outras). O obxectivo desta iniciativa é simplificar a residentes, persoas usuarias e empresas que operan nestas zonas a tramitación administrativa para así, no momento que corresponda, axilizar a concesión das autorizacións oportunas.
“Atendendo á nova configuración urbanística que presentará o recinto amurallado trala súa peonalización e humanización integral e ás restricións ao tráfico rodado inherentes á normativa que rexe as Zonas de Baixas Emisións, temos a vontade de traballar e actuar con previsión para dispoñer da base de datos oportuna que posibilite a concesión destas autorizacións”, sinalou a rexedora.
Alvarellos Fondo indicou que a atención ao públio arrincará o próximo luns día 30. O servizo terá unha duración de tres meses durante os que cinco auxiliares administrativos/as realizarán as tarefas que permitan avanzar neste proceso de consulta de datos. Catro desempeñarán o seu labor desde as dependecias de Novas Tecnoloxías, na parte traseira da Casa do Concello, mentres que outro/a auxiliar operará desde a Unidade de Mobilidade da Policía Local, en San Fiz. Este último atenderá ao público de luns a venres, desde as 8 ata as 15 horas, mentres que os catro situados na praza Anxo Fernández Gómez estarán a disposición da veciñanza os luns, mércores e venres de 9.00 a 14.30 e os martes e xoves no mesmo horario de mañá e desde as 16 ata as 19.45 horas na quenda de tarde.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, explicou que as persoas solicitantes serán atendidas en primeira instancia de xeito telefónico para axendar a súa asistencia presencial. Nese primeiro contacto se lles indicará a data e o horario da cita personalizada e se lles informará da documentación que precisan adxuntar en función de se son residentes ou empresas instaladas no Centro Histórico, ou se pertencen ao sector de distribución de paquetería e servizos profesionais. O concello recabará por outra vía os datos correspondentes ás flotas de vehículos tanto da administración local como do resto de organismos públicos.
“Antes de nada os veciños e veciñas deberán chamar ao número 982 29 73 77 onde o persoal muncipal lles asignará unha cita presencial en calquera dos dous edificios municipais, segundo o seu interese. Así mesmo, ofertarase a posibilidade de realizar os trámites de maneira telemática, a través do procedemento habilitado na sede electrónica do Concello para o que poderán contar con asistencia telefónica para cumprimentar o proceso se así o precisan. Pola súa banda, as empresas deberán chamar tamén para coñecer a documentación que teñen que adxuntar, pero a tramitación será exlcusivamente telemática como así determina a normativa ”, explicou a alcaldesa.
“O obxectivo é traballar coa máxima previsión posible para acompasar o remate das obras, coa aprobación da nova Ordenanza e a declaración do Centro Histórico como zona de baixas emisións dispoñendo de todo o necesario coa suficiente antelación e planificación para que a súa implantación sexa o máis sinxela e áxil posible”, concluíu Paula Alvarellos.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a actualización da base de datos | Descargar mp3


