Tamén proseguen os labores de limpeza e conservación de camiños públicos a petición da veciñanza, coa finalidade de completar o plan de roza na totalidade das 54 parroquias

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, informou este xoves dos traballos que está a realizar o Concello para continuar co plan de bacheo ata chegar á totalidade da rede viaria municipal do rural. Nestes momentos, os traballos estanse acometendo nos viais das parroquias de Mazoi e Recimil, tras realizarse en Labio, Orbazai, Meilán e Tirimol, entre outras.
Paralelamente, a entidade local está efectuando labores de limpeza e conservación de camiños públicos a petición da veciñanza, coa finalidade de completar o plan de roza nas 54 parroquias. Nesta liña o Concello xa realizou estas tarefas en Vilachá de Mera, Poutomillos ou San Pedro de Mera. Nos vindeiros días levará a cabo o arranxo das pistas forestais na parroquia de Teixeiro.
O edil lembrou que se acondicionaron con mestura asfáltica en quente viais nas parroquias de Adai e Benade, cun orzamento de 114.000 euros. Todas estas actuacións favorecen a comunicación e a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural lucense, tal e como asegurou Fernández.