As actividades arrincarán ás 12:00 horas. Coa programación tamén se conmemora o 60 aniversario dos Tratados de Roma, cos que se creou a Comunidade Económica Europea e que deron orixe á actual Unión Europea

O Concello de Lugo organiza para mañá martes, 9 de maio, os actos en conmemoración do Día de Europa. Este ano celébrase o 60 aniversario dos Tratados de Roma, cos que se creou a Comunidade Económica Europea e que deron orixe á actual Unión Europea.
As actividades comezarán ás 12:00 horas coa entrega de premios do concurso de fotografía Cidadáns europeos en Galicia: 60 anos cambiando vidas. Posteriormente, ás 12:30 horas, está prevista a celebración do acto institucional, que terá lugar diante do Concello, coa lectura do manifesto conmemorativo, así como o izado de bandeiras e a interpretación do himno europeo.
Para rematar, das 17:00 ás 20:00 horas, baixo o lema Benvid@s a Europa, haberá unha programación especialmente dedicada aos nenos e nenas de Lugo, que se celebrará diante da Casa Consistorial con diversos xogos e actividades infantís.