O Concello bota a andar de novo o reloxo da Casa Consistorial

A intervención permitirá recuperar a hora na Praza Maior mediante un mecanismo dual conectado por satélite, que garante máxima precisión e estabilidade.

Os traballos preservan integramente o histórico mecanismo de 1874, protexéndoo fronte á humidade e preparándoo para unha futura restauración completa.

Segundo explicou o alcalde Miguel Fernández, “recuperamos un símbolo da cidade cun sistema que combina tecnoloxía actual e respecto absoluto polo patrimonio”.

Luns, 01 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello bota a andar de novo o reloxo da Casa Consistorial

O Concello de Lugo iniciou os traballos para devolver o funcionamento ao reloxo da Casa Consistorial, unha das pezas máis singulares do patrimonio municipal, inaugurada en 1874 durante as festas do Corpus e hoxe símbolo histórico da cidade.

Esta intervención chega despois de anos de avarías recorrentes e da crecente dificultade para atopar especialistas neste tipo de mecanismos tradicionais. “Era fundamental actuar con rigor técnico e con respecto polo patrimonio para que Lugo recuperase un reloxo que forma parte da súa identidade”, destacou o alcalde Miguel Fernández.

A actuación deseñouse tras constatar, nos informes técnicos municipais, a escaseza de profesionais capaces de traballar con mecanismos de escape de gravidade con péndulo longo, un sistema case desaparecido en España e que require coñecementos moi específicos. Estes mesmos informes inciden na necesidade de protexer o mecanismo orixinal fronte á humidade e ás condicións adversas, como paso previo a unha restauración de maior alcance que se abordará máis adiante.

Para recuperar a hora sen afectar á integridade da peza histórica, instalarase un mecanismo dual: un pequeno motor eléctrico conectado a unha central horaria vía satélite, capaz de ofrecer unha exactitude continua e, ao mesmo tempo, completamente non invasivo. Esta solución permitirá dispoñer dun reloxo estable e preciso mentres se avanza na restauración das pezas orixinais, que permanecerán intactas e protexidas.

O reloxeiro responsable subliñou que o novo sistema “non altera en absoluto a máquina histórica” e que pode activarse ou desactivarse de inmediato en caso de avaría, garantindo continuidade sen comprometer a autenticidade do mecanismo de 1874. Cando a máquina antiga estea restaurada, poderá volver activarse sen dificultade. 

O alcalde Miguel Fernández engadiu que “con esta solución, Lugo recupera precisión e fiabilidade sen renunciar ao valor histórico dun reloxo único en Galicia”. O rexedor insistiu en que o Goberno municipal “traballa para garantir que os nosos símbolos patrimoniais se conserven e funcionen como merecen”.

A intervención foi encargada a un equipo especializado que tamén traballa noutros reloxos monumentais de referencia en Galicia, como o de María Pita na Coruña ou o do Concello do Carballiño, garantindo así un enfoque técnico experimentado e respectuoso.

Coa posta en marcha deste mecanismo dual, Lugo recuperará nas próximas semanas un dos seus símbolos máis recoñecibles, ao tempo que avanza cara unha restauración integral que asegure que o reloxo da Casa Consistorial continúe marcando o tempo da cidade durante as próximas décadas.

Noticias relacionadas