O Concello aprobou a urbanización de San Fiz, a maior da historia de Lugo

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello aprobou esta semana o proxecto de urbanización do chamado polígono Sur-K, situado na zona de San Fiz, fronte a Augas Férreas. Será a maior urbanización da historia de Lugo pero o máis notable é que o Concello conseguiu que o 71,8% da superficie total estea destinada a espazos libres, zonas verdes, viais e equipamentos para a cidade. O Alcalde, López Orozco, afirmou que "son desenvolvementos que honran á cidade, que nos fan ter esperanza no seu desenvolvemento e que mostran o Lugo de futuro e que Lugo ten futuro".

"Creo que é un desenvolvemento urbanístico que vai facer que aquela parte da cidade cambie totalmente, se desenvolva. Cumprimos un compromiso: desenvolvimos o norte... pensen vostedes nas unidades de urbanización que se desenvolveron na Piringalla ou na Milagrosa. Pero non por iso se deixou de desenvolver o sur", afirmou o Alcalde. Este polígono harmonizará coa Aceña de Olga e dará continuidade a esta zona da cidade apostando polas rúas amplas e os espazos humanizados.

Predominio do público
As cifras desta urbanización poñen de manifesto as súas enormes dimensións: o investimento previsto ascende á 22.078.314 euros -que equivalen a máis de 3.600 millóns das antigas pesetas- e a superficie total do polígono é de 296.790 metros cadrados.

Grazas a esta urbanización o Concello terá parcelas de moi distinto uso na zona. Unha, de máis de oito mil metros cadrados, estará destinada ó Centro Tecnolóxico Agroalimentario e outra, de 13.200 metros cadrados, será cedida á Universidade como campo de prácticas.

Pero o realmente excepcional deste polígono xa non son estas cifras senón os espazos libres, áreas verdes, viais e dotacións para equipamentos de cesión gratuíta que gañará o Concello: o 71,8% do total da superficie. O 28'2% está destinado a parcelas adxudicadas ós distintos propietarios que aportaron as parcelas iniciais do polígono. Isto supón unha edificabilidade para 2.226 vivendas. Por último, o 10% deste aproveitamento lucrativo pertence ó Concello a través do proxecto de compensación, libre de cargas de urbanización.

Distribución do espazo
A superficie do polígono terá os seguintes usos:
- Dotacións para equipamentos ________________________________ 72.652 metros cadrados
- Áreas libres e zonas verdes ________________________________ 62.100 metros cadrados
- Rede viaria ________________________________________________ 78.359 metros cadrados
- Parcelas adxudicadas de aproveitamento urbanístico _________ 83.679 metros cadrados

Outra das características do polígono é que os 62.100 metros cadrados que conformarán as zonas verdes e áreas libres estarán ordenados en itinerarios peonís que chegarán ó 75% das parcelas edificables.

Haberá 15 espazos deseñados para formar prazas que potenciarán as relacións humanas e, dentro deses espazos, destinaranse 673 metros cadrados a zonas de xogos infantís. Con respecto ós viarios, predominan as rúas anchas. Existirán dous tipos principais diferenciados polo seu ancho: de 17 e 22 metros.

Noticias relacionadas