O Concello aproba a ocupación efectiva da obra de rehabilitación do Vello Cárcere

A Xunta de Goberno deu luz verde ao convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación para o desenvolvemento do proxecto Lugo+Biodinámico

Mércores, 14 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello aproba a ocupación efectiva da obra de rehabilitación do Vello Cárcere

A Xunta de Goberno Local acordou este mércores proceder á ocupación efectiva da obra de rehabilitación do Vello Cárcere. Así o informou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen explicou que se realiza a devandita ocupación, sen prexuízo de que, á vista da acta de comprobación na que se fan constar unha serie de deficiencias e para o cal hai un prazo de 10 días para a súa subsanación, o Concello proceda á recepción formal da obra, unha vez rematada.

A seguir, o Concello acometerá as obras suplementarias de rehabilitación da Vella Cárcere, adxudicadas na Xunta de Goberno do pasado 24 de agosto por 84.600 euros. As obras consistirán na colocación dunha varanda na planta alta do edificio porque non foi posible levantar a cornisa como inicialmente estaba previsto, dado que a estrutura non era de pedra e non era consistente, así como na instalación dunha plataforma elevadora no escenario do auditorio diferente á inicialmente prevista, porque un cambio normativo esixe outra estrutura con máis automatismos.

Lugo+Biodinámico

Fernández tamén avanzou que, na sesión deste mércores, deuse luz verde ao convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación para a execución do proxecto Lugo+Biodinámico, financiado con fondos do Plan LIFE, que permitirá a Lugo desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sustentable e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal. O convenio terá vixencia ata o 30 de xuño de 2020.

O Lugo+Biodinámico conta cun orzamento toal de 3.588.552 euros, dos que a Unión Europea achega a metade, 1,7 millóns, o Concello 541.340 euros e a Deputación 526.220 euros, mentres a contribución da Universidade de Santiago, como da Politécnica de Madrid consiste na achega de persoal, traballo e coñecemento, avaliados economicamente en 728.000 euros.

Ximnasio nas instalacións do campo municipal José Carballido

Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno autorizou ao Club Deportivo Lugo para a realización das obras de construción dun local destinado a ximnasio nas instalacións do campo municipal de fútbol José Carballido Cerceda. Tal e como informou o voceiro, o club asumirá a total responsabilidade da execución das obras, así como dos danos que estas puideran ocasionar. A realización das anteditas obras non suporá gasto ningún para o Concello, debendo a entidade responsabilizarse de asumir o seu importe e de pagar aos que participen na súa execuón. As obras, polo tanto, non revertirán ao Concello unha vez rematado o período de ocupación das instalacións, que foi concedido en 2014 por 10 anos.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a obra de rehabilitación do Vello Cárcere | Descargar mp3

Noticias relacionadas