O alcalde presentou, xunto ao presidente da Deputación, unha festa na que haberá uns 40 expositores e que organiza a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industrias do citado barrio.
A cita, que terá lugar entre o 23 e o 25 de maio, albergará propostas tradicionais como o Becerro ao espeto e outras máis novas como a festa gastronómica da mazá asada.
Para Miguel Fernández “este evento simboliza a posta en valor do noso rural ao tempo que reafirma o noso compromiso de apoiar ao tecido produtivo local”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández participou esta mañá na presentación da XXVIII Edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía da Milagrosa, xunto ao presidente da Deputación, José Tomé, e ao máximo responsable da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industrial, Jesús Vázquez, que é ademais o colectivo organizador do evento. Para o rexedor municipal “esta cita supón todo un revulsivo para o barrio e un elemento dinamizador, ao tempo que se pon en valor o noso rural e os produtos de proximidade”.
De feito, entre os días 23 e 25 de maio, a praza da Milagrosa acollerá uns 40 expositores de produtores locais e de artesanía, creando neste espacio un escaparate excepcional para a posta en valor do rural lucense. Neste sentido, Miguel Fernández subliñou que “esta festa da mostra da consolidación dun evento que xa ten nome propio no noso calendario festivo e que contribúe ademais a reactivar este barrio tan senlleiro e a súa economía local”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, entidade que tamén colabora na celebración deste evento, incidiu en que “a Milagrosa é un barrio de acollida, onde quen chega sempre atopa portas abertas, interese pola súa cultura e respecto pola súa herdanza, porque a integración é tamén unha semente para un futuro mellor”. Tomé Roca rematou a súa intervención subliñando que “esta feira, xa consolidada no calendario festivo de Lugo e da provincia, estou seguro de que seguirá medrando. E farémolo lembrando que non hai progreso verdadeiro sen raíces fondas. As raíces que nos conectan coa nosa identidade, os nosos oficios tradicionais, os nosos produtos locais e o noso xeito de facer”.
O presidente da asociación organizadora, Jesús Vázquez, foi o encargado de detallar o programa da feira para os tres días, nos que haberá música, degustacións, agasallos e premios aos expositores máis visitados, ademais de propostas de exaltación dos produtos autóctonos de calidade, como a festa do Becerro ao Espeto, que este ano alcanza a súa vixésimo cuarta edición, coa colaboración do presidente de Acruga, César Dorado, quen doa a título particular un exemplar da súa gandería. Tamén deu conta doutras propostas máis novas como a festa gastronómica da mazá asada e o pregón, que nesta ocasión correrá a cargo da investigadora e veciña da Milagrosa Cintia Folgueira Cobos.




