O Concello ampliará o abastecemento de auga na parroquia de Orbazai para dar servizo a máis de 77 vivendas

Luis Álvarez anuncia que o Concello financiará estas obras, que se farán aproveitando o proxecto da segunda fase de abastecemento de auga a Lugo que executa Acuaes

As comisións de seguemento das obras de saneamento e abastecemento de auga do convenio entre o Concello e Acuaes reúnense esta tarde 

Martes, 21 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou que o Concello de Lugo vai ampliar a rede de abastecemento de auga na parroquia de Orbazai. Este proxecto desenvolverase aproveitando as obras de ampliación da segunda fase de abastecemento de auga a Lugo que está a executar Acuaes ó abeiro do convenio que mantén o órgano Aguas de las Cuencas de España co Concello de Lugo.

Luis Álvarez avanzou que este proxecto, que financiará íntegramente o Concello, será un dos temas que se van plantexar esta tarde con Acuaes, nas tres reunións, convocadas por este órgano estatal, das comisións de seguemento das obras de saneamento e abastecemento que se están a realizar na actualidade en Lugo. Trátase das comisións de seguemento da segunda fase das obras de construcción dos colectores xerais do río Miño, na zona da Louzaneta ata conectar coa rede de saneamento existente na marxe esquerda do río; e das dúas fases de ampliación do abastecemento de auga a Lugo consistentes nas obras do anel hídrico para a conexión do Ceao coa estrada da Fonsagrada e de Penarrubia á estrada de Santiago.

O Alcalde e o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente mantiveron unha xuntanza o pasado sábado cos veciños de Orbazai para tratar deste asunto e xa lles anunciaron que o Concello executará as obras de ampliación da rede ós lugares de Vilar, o Cabalo, Taboelle, a Torre e a Malladeira, que supoñen un investimento de 105.000 euros para 2.200 metros de instalación. Asímesmo, na reuniou acordouse que o Concello estudará a ampliación do sistema de abastecemento ata Penarrubia, onde sería necesario investir outros 110.000 euros para unha instalación de 2.180 metros de lonxitude.

Álvarez informou de que esta actuación dará abastecemento a máis de 77 vivendas e unha poboación de centos de persoas, xa que ás 240 persoas que residen habitualmente nestes lugares hai que sumar todos os ocupantes das numerosas segundas residencias existentes na zona.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente explicou que unha vez redactado o proxecto para a primeira das obras, que xa conta con consignación orzamentaria, enviarase copia ó local social para que o examinen os veciños e fagan as suxestións que consideren oportunas.

Ademais, Luis Álvarez reiterou a esixencia á Xunta de Galicia para que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruras colabore co Concello de Lugo para ampliar as redes de abastecemento e saneamento á totalidade do territorio municipal Neste sentido, lembrou que mentres hai concellos ós que a Xunta lles pagou a totalidade das redes a Xunta non atende unha petición razonable que lle fixo o Alcalde de Lugo co compromiso de que o Concello colabore achegando o 30% do investimento.

“É unha demanda lexítima e sensata”, destacou o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, quen lembrou a imposibilidade de que a Administración local poida abordar en solitario esta actuación destas características xa que o territorio do concello de Lugo supera os 350 kilómetros cadrados, a poboación está moi dispersa nas 54 parroquias do municipio, co engadido que supón a orografía do noso término municipal.

Audio

Multimedia

Noticias relacionadas