O Concello accede ao inmoble nº 48 da Rolda da Muralla para poñer fin á perigosidade que entraña o seu estado de conservación

O edil de Urbanismo Sostible supervisaba esta mañá, acompañado por persoal do Servizo de Arquitectura, Evislusa e da Policía Local, o inicio dos traballos de acondicionamento previstos para atallar o deterioro da construción

“Rematan aquí 15 anos de litixio coa propiedade da vivenda que, en todo momento, se negou a colaborar coa administración local e amosou unha actitude obstrutiva en prexuízo non da institución, senón de toda a cidadanía”, lamentou Miguel Couto

Mércores, 09 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello accede ao inmoble nº 48 da Rolda da Muralla para poñer fin á perigosidade que entraña o seu estado de conservación

Rolda da Muralla. Nove en punto da mañá. A propiedade do inmoble número 48 fora citada polo Concello para facilitar a entrada do persoal municipal e dos operarios da empresa encargada dos traballos de acondicionamento do edificio co fin de proceder ao inicio destas tarefas. Unha vez máis, non compareceron.

A área de Urbanismo Sostible, que promoveu a intervención subsidiaria para rematar coa perigosidade que entraña o estado de conservación da vivenda, tivo que solicitar entón os servizos dun cerralleiro para poder acceder á mesma.

“Ata aquí levamos máis de 15 anos de percorrido administrativo e xudicial. Máis dunha década de notificacións e requirimentos oficiais sempre coa mesma resposta por parte das titulares da construción: nula colaboración e unha actitude obstrucionista que durante todo este tempo non prexudicou á institución senón á veciñanza lucense á que se lle tivo que restrinxir a mobilidade pola zona na salvagarda da súa propia protección”, lamentou Miguel Couto.

O edil supervisaba hoxe, xunto aos técnicos do departamento de Arquitectura e de Evislusa, e acompañados pola Policía Local, o comezo dos labores de desentullo e estabilización da estrutura que durante as vindeiras semanas se levarán a cabo e que – explicou – “consisten no arriostramento de muros, a retirada de cascallos e a recuperación dos elementos catalogados que contén. Operacións, todas elas, orzamentadas en 48.173’11 euros, das que se encargará a empresa Aldariz Ferreiro e para as que prevé un prazo de execución inferior a 3 meses”.

“Hoxe, logo de case dúas décadas de procedemento, dunha trintena de apercibimentos e de 43.000 euros en sancións, podemos comezar a materializar o que sempre foi o noso principal obxectivo: garantir a seguridade cidadá neste enclave da Rolda da Muralla”, concluíu o concelleiro de Urbanismo Sostible.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a entrada nº48, na Ronda da Muralla | Descargar mp3

Noticias relacionadas