O Concello abre mañá un prazo de 20 días para solicitar os 9 locais comerciais da Tinería tras publicar as bases o BOP

As xornadas de portas abertas para que as persoas interesadas poidan coñecer as dependencias celebraranse a vindeira semana

A cesión será en réxime de aluguer por un período de catro anos, con opción a prórroga, e a renda a pagar polos beneficiarios será do 20% do que lle custa ao Concello alugar os locais, oscilando entre os 10€ ao mes polo inmoble máis pequeno aos 72€ do máis grande

Xoves, 14 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo abrirá mañá venres un prazo de 20 días hábiles para solicitar os 9 locais comerciais da Tinería que pon a disposición para a apertura dun negocio tras publicarse hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases que rexerán a convocatoria pública para a cesión. Así o avanzou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, que tamén informou de que as xornadas de portas abertas para que as persoas interesadas poidan coñecer as dependencias celebraranse a vindeira semana.

O Concello pon en marcha deste xeito un viveiro de empresas a pé de rúa xestionado polo CEI Nodus nos 9 locais que lle alugou ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na Tinería. Esta iniciativa, subliñou Prieto, supón “revalorizar o barrio dunha maneira controlada e eficaz por medio dunha economía sostible e de valor engadido que fará atractiva a zona, non só para emprender e traballar, senón tamén para vivir, facendo posible un efecto chamada de novos residentes e empresas”.

As bases

A cesión será en réxime de aluguer por un período de catro anos (contados dende a resolución definitiva e a entrega das chaves), con opción a prórroga, e a renda será do 20% do que lle custa ao Concello o arrendamento dos locais ao IGVS. Deste xeito, a entidade local achega o 80% restante. Os importes oscilan entre os 10€ ao mes do inmoble con menor superficie aos 72€ do máis grande (IVE incluído).

A situación dos locais, a superficie de cada un e os importes que pagarán Concello e adxudicatarios son os seguintes:

 

 SITUACIÓN LOCAIS COMERCIAIS

Superficie

Metros cadrados

Renda anual que o Concello abona ao IGVS (sen IVE)

Renda anual a aboar ao Concello polos arrendatario/as (sen IVE)

Renda mensual a aboar polos arrendatarios/as (sen IVE)

1

R./ Recanto do Miño, nº 8

54.20

1.813,56 €

                              362,71 €

   30,23 €

2

R/Miño, nº 26

70.10

                 2.219,42 €

                              443,88 €

   36,99 €

3

R/Miño, nº 32

106,44

                 3.584,80 €

                              716,96 €

   59,75 €

4

R/Tinería nº 36

20,34

                    634,96 €

                              126,99 €

   10,58 €

5

R/Tinería nº 24

51

                 1.372,49 €

                              274,50 €

   22,87 €

6

R/Tinería nº 44

37,2

                    987,09 €

                              197,42 €

   16,45 €

7

R/Recanto do Miño, nº 15

18.90

                    501,51 €

                              100,30 €

    8,36 €

8

Praciña Universidade, nº3-letra 1

53.84

                 2.086,88 €

                              417,38 €

   34,78 €

9

Praciña Universidade nº 3-letra 2

50.24

                 1.960,45 €

                              392,09 €

   32,67 €

 

 

TOTAL

               15.161,16 €

                     3.032,23 €

 252,69 €

As persoas ou entidades adxudicatarias asumirán o acondicionamento dos locais de acordo coas características da actividade empresarial que se pretenda abrir.

Os beneficiarios poderán ser persoas físicas ou xurídicas que queiran desenvolver unha actividade: comercial, de oficinas e administrativa, educativa, docente e cultural, asistencial, deportiva, sanitaria ou artesá. A Ordenanza de Burgos Medievais permite usos máis amplos nesta zona, “pero limitámolos a estes porque son os que máis poden dinamizar e poñer en valor o barrio”, explicou a Alcaldesa.

Será requisito indispensable presentar un plan de empresa e unha memoria valorada economicamente, na que se describa a actividade a implantar e a data prevista para poñela en marcha (non superior aos 4 meses despois da entrega do local).

O procedemento de adxudicación será por concorrencia competitiva, e conforme aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade e igualdade.

Criterios de valoración

As bases establecen criterios de valoración cuantitativos e cualitativos.

Os cualitativos son en función do tipo de empresas:

  • Empresas de mercado: empresario individual, sociedade anónima e sociedade limitada: 2 puntos.
  • Empresas de economía social: sociedade cooperativa, sociedade limitada laboral, fundacións e asociacións con fins comerciais: 4 puntos.
  • Proxectos empresariais que procedan de viveiros de empresas, coworkings, etc.: 1 punto, que poderá acumularse aos anteriores.
  • Os cuantitativos puntuaranse cun máximo 5 puntos, distribuídos do seguinte xeito:
    • Adecuación da actividade proposta ás características do local: ata 2 puntos.
    • Dinamización comercial e xeración de afluencia de público ao barrio: ata 3 puntos.

No  caso de que dúas ou máis solicitudes acaben  igualadas en puntuación para un mesmo local, a orde de adxudicación establecerase por sorteo público. A súa  convocatoria será anunciada no Taboleiro de Anuncios e na páxina web do Concello  con 24 horas de antelación.        

As solicitudes serán valoradas por un comité técnico composto por seis persoas:

  • 3 vogais nomeados polo Concello (un técnico de Urbanismo e dous do CEI Nodus)
  • 1 vogal nomeado pola Federación Galega de Comercio
  • 1 vogal nomeado pola CEL
  • Secretaría (secretario ou vicesecretaria do Concello)

Para maior información, o anuncio da convocatoria, ademais de no BOP, publicarase na web do Concello (www.lugo.gal) e no Taboleiro de Anuncios municipal. As solicitudes estarán dispoñibles, ademais de na web, nas oficinas de Atención ao Cidadán.

A resolución definitiva de adxudicatarios incluirá unha lista numerada de reservas para a ocupación dos locais (para o caso de renuncias ou incumprimentos). Será publicada no Teboleiro de Anuncios e na web municipal.

Audio

  • Ana Prieto, sobre os 9 locais comerciais da Tinería | Descargar mp3

Noticias relacionadas