Miguel Fernández da resposta así á veciñanza para arranxar este camiño, deteriorado pola antigüidade, o seu uso e ás inclemencias meteorolóxicas sufridas co paso do tempo.

O tenente de alcaldesa responsable de Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández, visitou as obras de mantemento e mellora dunha vía municipal na parroquia de Calde, nunha estrada que facilita o acceso ao núcleo de A Pena.
Unha actuación que conta cun orzamento de adxudicación de 25.870 euros e no cal se realizará ademais da mellora do firme a limpeza das cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrenta e evitar que produzan danos no pavimento da vía.
“Este camiño atopábase deteriorado debido á súa antigüidade, ao uso e ás inclemencias meteorolóxicas sufridas co paso do tempo”, apuntou o edil, polo que se procedeu a súa mellora.
Os traballos consistirán na extensión e compactación dunha capa de mestura asfáltica en quente na totalidade dos 363 metros de lonxitude do camiño. Ademais, procederase a unha regularización previa da superficie coa mesma mestura para as zonas máis deformadas ou con fochancas.
Miguel Fernández destacou a importancia destas obras, “que desenvolvemos despois de escoitar as necesidades que nos traslada a veciñanza da zona pero que non só beneficiará ás persoas residentes nestes núcleos senón que reverterá no conxunto do tráfico rodado que circula pola zona”, concluíu.
Audio
- O edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre a parroquia de Calde | Descargar mp3