O ciclo de cine xuvenil Muller e Interculturalidade continúa coa proxección da película Agua

Xoves, 12 de xuño de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá venres, 12 de xuño, continúa o ciclo de cine xuvenil “Muller e interculturalidade” organizado polo Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias dependente da Concellería de Muller e Benestar Social que dirixe Carmen Basadre coa proxección da película Agua.

A historia transcorre en 1938, na India colonial, en pleno movemento de emancipación liderado por Mahatma Gandhi.

Segundo as crenzas hindús, cando unha muller casa, convértese na metade do home; polo tanto, se el morre, considérase que a metade da esposa morreu. Os libros sacros din que unha viúva ten tres opcións: casar co irmán máis novo do seu marido, arder co seu marido ou levar unha vida de total abnegación.

Neste entorno celébrase unha voda que ben podería ser un enterro: casan a Chuyia,  unha nena de 8 anos, cun moribundo que falece esa mesma noite. Quéimase o seu corpo na beira dun río sacro e Chuyia prepárase para o destino que escolleron para ela. Aféitaselle a cabeza e ingresa nun ashram para viúvas onde deberá pasar o resto da súa vida.

A auga é unha constante na película, non só como metáfora, senón tamén como instrumento. Á beira do río, Kalyani (Lisa Ray) coñece a Narayan (John Abraham), un mozo idealista seguidor de Gandhi, fillo de brahmanes, a casta social máis alta da India.

Estuda dereito, está entusiasmado coa revolución social pregoada por Gandhi e máis que disposto a rexeitar os límites impostos por unha tradición secular. Con Chuyia actuando como mensaxeira, a súa imposible relación empeza a florecer.

O obxectivo do ciclo é ofrecer á xuventude lucense unha actividade de lecer alternativa e gratuíta. Todos os venres, ata o 27 de xuño, proxectarase unha película no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra a partir das 22:00 horas.

Noticias relacionadas