O canil de Frigsa inicia a súa transformación para converterse nun lugar referente de socialización para a comunidade canina en Lugo

A alcaldesa, Lara Méndez, anunciou hoxe o inicio da reforma do recinto, de case 1.200 m², que estará equipado cun circuíto agility e zona de lavado e peiteado para mascotas.

A comodidade das persoas usuarias e dos animais será unha premisa constante nas instalacións que disporá de dúas áreas estanciais, unha delas a cuberto.

Todo o deseño será respectuoso coa contorna, priorizando o uso de materiais naturais.

A intervención terá un prazo de execución de tres meses e suporá un investimento municipal de 95.724 euros.

Venres, 28 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O canil de Frigsa inicia a súa transformación para converterse nun lugar referente de socialización para a comunidade canina en Lugo

En apenas tres meses a comunidade canina de Lugo disporá dun moderno recinto de socialización e esparexemento en Frigsa.

Un espazo totalmente renovado, con relación ás instalacións existentes agora, que estará equipado con grandes prestacións, entre elas un circuíto de agility - composto de balancín, slalom e túnel para o lecer e amaestramento dos animais - e unha zona de lavado e peiteado.

A alcaldesa Lara Méndez informaba hoxe do inicio das obras de reforma do canil sito no parque da Milagrosa ás que o Concello, dende a área de Transición Ecolóxica que dirixe Miguel Fernández, destinará 95.724 euros.

“Un investimento que nos permitirá acondicionar toda a área – que ten unha extensión de 1.190 m² – mellorando non só o seu aspecto senón o conxunto da dotación incrementando a súa versatilidade”, sinalou a rexedora.

Así, Méndez lembrou que, logo de reparar as depresións do terreo e as eivas que actualmente presenta o céspede, se aproveitará o movemento de terras para colocar un novo sistema de rega e drenaxe.

“A finalidade é incrementar a súa comodidade e, para iso, habilitaremos tamén dúas áreas estanciais tipo parklet, con bancos e papeleiras, unha delas cuberta cunha estrutura tipo pérgola que protexa da intemperie e permita o seu uso durante todo o ano en condicións de confort”, afirmou.

A alcaldesa explicou que para o correcto deseño da nova área tivéronse en conta diferentes criterios cos que, por unha banda, se garanta nel a seguridade e o benestar pero tamén a utilización adecuada da infraestrutura.

Así, “todo o ámbito terá unhas dimensións proporcionadas, con espazos amplos para a convivencia, nos que en todo momento se manterá a visibilidade. Disporá de boa iluminación, de dobre porta de acceso de peche automático e de bancos cubertos na parte inferior para evitar que as mascotas poidan lesionarse. Así mesmo, o chan será de pavimento brando nas zonas de xogo”, indicou a rexedora.

Actuacións, todas elas, segundo apuntou Lara Méndez, nas que será prioritario o emprego de materiais naturais, atendendo a un deseño respectuoso coa contorna.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández, deu conta de que o recinto contará cun cerramento vexetal mentres que o chan será na súa meirande parte de xabre compactado, conservándose unha zona verde no perímetro sueste.

“Instalaremos novas papeleiras apropiadas para a recollida dos residuos que se xeran nas instalacións e habilitarase unha zona de limpeza animal, composta de bañeira e mesa así como dispensador de luvas e bolsas refugables que facilitarán o aseo das mascotas”, engadiu o concelleiro.

Fernández recordou tamén que neste espazo se colocará unha superficie pétrea para evitar que, unha vez lavados, os cans volvan ensuciarse e facilitar a limpeza e desinfección por parte dos servizos municipais.

Xa ao respecto da súa utilización, o concelleiro indicou que se colocará, igualmente, un cartel informativo coas normas de uso entre as que destaca o acompañamento obrigado e a vixilancia dos animais, tanto dentro como fóra do recinto, o uso do colar en todo momento - por se hai que separalos - e a saída da área canina ante calquera indicio de agresividade.

“O acondicionamento da zona será, por tanto, total para facela atractiva e polivalente, posibilitando a convivencia nun entorno amable non só para os seus principais destinatarios, as nosas mascotas, senón tamén para as persoas que as acompañan de maneira que os coidados e a atención que lles dispensan os poidan levar a cabo nun lugar que resulte agradable para ambos e de forma respectuosa co resto da veciñanza”, concluíu Miguel Fernández.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o inicio das obras no Canil de Frigsa | Descargar mp3

Noticias relacionadas