A carreira popular, organizada polo Concello de Lugo, está integrada na programación do 8M, recoñecendo o papel das mulleres no deporte.
O evento disputarase nun novo trazado de asfalto arredor da rúa Rof Codina, coas distintas probas entre as 12:00 e as 12:30 horas.
“Corre con Elas simboliza o compromiso de Lugo coa igualdade, recoñecendo a importancia do deporte na loita por unha sociedade máis xusta”, destacou o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos.
- Tema

O barrio de San Fiz acollerá este domingo, 16 de marzo, a terceira proba do XXIII Circuíto Larsa Corre con Nós, baixo o lema “Corre con Elas”, unha carreira que forma parte das actividades promovidas polo Concello de Lugo con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. Como parte desta conmemoración, antes do inicio da proba absoluta realizarase unha foto homenaxe, na que todas as corredoras posarán xuntas na liña de saída. A cita, organizada pola Concellería de Xuventude e Deportes, contará cun milleiro de atletas inscritos, reafirmando o seu carácter integrador e de impulso á igualdade de oportunidades no deporte.
O edil Jorge Bustos destacou que esta proba “representa o compromiso de Lugo cunha igualdade real e efectiva, dando visibilidade á participación feminina no deporte e poñendo en valor o esforzo das mulleres atletas”. Ademais, subliñou que “a resposta da cidadanía a esta iniciativa reflicte o bo momento que vive o atletismo popular na cidade”. Bustos engadiu que "eventos coma este demostran que o deporte non só é unha ferramenta para o benestar físico, senón tamén un motor de cohesión social e igualdade".
O concelleiro tamén quixo lembrar que “o Corre con Nós está a vivir un gran ano, con cifras récord de participación e un ambiente inmellorable en cada proba, consolidándose como unha referencia do atletismo popular en Lugo”.
A carreira disputarase nun novo percorrido urbano que rodea a sede da Policía Local na rúa Rof Codina. O programa da proba establece os seguintes horarios:
- 12:00 h: MINI (300 metros) - Percorrido
- 12:05 h: SUB 10 e SUB 12 (1.300 metros) - Percorrido
- 12:15 h: SUB 14 e SUB 16 (2.400 metros) - Percorrido
- 12:30 h: Adultos (4.800 metros) - Percorrido
O evento traerá consigo cortes de tráfico entre as 11:30 e as 13:30 horas nas seguintes rúas:
- Rúa Rof Codina (desde a intersección con Travesía Virxe da Esperanza)
- Rúa Virxe da Esperanza (desde a intersección con Rúa Montirón ata Travesía Virxe da Esperanza)
- Travesía Virxe da Esperanza (completa)
- Rúa Montirón (desde a intersección con Virxe da Esperanza ata Rof Codina)
Para garantir a seguridade, a organización contará coa colaboración de Protección Civil, Policía Local e Cruz Vermella.
Ao remate das probas, as e os participantes recibirán o avituallamento oficial do circuíto, cortesía de Larsa e Coca-Cola, e terán acceso a servizos como duchas nas Pistas Municipais Gregorio Pérez Rivera.
Toda a información e as clasificacións estarán dispoñibles na páxina web oficial do evento: www.correconnos.com.
Audio
- Jorge Bustos, sobre a terceira proba do Circuíto Corre con Nós “Corre con Elas” | Descargar mp3


