Lara Méndez, Álvaro Santos e Hipólito Trinidad realizaron este luns unha visita a esta unidade móbil que estará aberta ata as 18:00 horas
- Tema

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos, e o Presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), Hipólito Trinidad, realizaron este luns unha visita á unidade móbil informativa do programa de rehabilitación sostible Reacciona 2020, impulsado pola Deputación e a APEC, que estará aberta ata as 18:00 horas ao fondo da Praza Maior.
Durante a visita, a rexedora puxo en valor esta iniciativa que trata de impulsar por unha banda o sector da construción, “un sector fundamental para a cidade de Lugo”, e por outra, incrementar a rehabilitación sostible baseada na eficiencia enerxética, contribuíndo coa conservación do medio ambiente, “o gran patrimonio que temos os cidadáns”. Neste senso, a rexedora lembrou que o Concello, concienciado co medio ambiente, creou a neste mandato a Concellería de Desenvolvemento Sostible, que une urbanismo e medio ambiente para conseguir un desenvolvemento da cidade equilibrado.
Pola súa banda, Santos chamou aos lucenses a achegarse a este autobús, onde se poden informar, da man de técnicos especializados, das vantaxes, melloras e oportunidades da rehabilitación sostible, segundo criterios enerxéticos, “algo que é posible grazas ao convenio entre Deputación e APEC”. O bus recorreu xa 18 municipios da provincia, onde recibiu ao redor de 300 visitas.