O arboredo do Casco Histórico sométese estes días á poda outonal

As tarefas, que continuarán por toda a cidade ata finais de febreiro, se levan a cabo estes días na Praza Maior, da Soidade e Campo Castelo

Os traballos consistirán na eliminación das pólas danadas co fin de garantir a boa saúde dos exemplares e controlar o seu crecemento

Venres, 23 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O arboredo do Casco Histórico sométese estes días á poda outonal

O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, supervisaba esta mañá a realización dos traballos de poda do arboredo asentado no Casco Histórico da cidade.

Labores que o propio concelleiro explicou “consistirán na eliminación de polas danadas para garantir a saúde dos exemplares pero que tamén axudarán a acotar as súas dimensións para que o seu crecemento sexa acorde á contorna na que se atopan”.

As tarefas de conservación na zona centro comezaban esta mesma semana no Campo Castelo, Praza Maior e da Soidade e continuarán pola Avenida Ramón Ferreiro, Rúa Montevideo e Rolda da Muralla estendendo o mantemento habitual a toda a cidade durante as próximas semanas.

“O dispositivo que se encargará das actuacións – indicou o edil - está integrado por entre tres e cinco operarios que disporán dun elevador e de dous camións para a recollida dos despoxos polo que, debido ás necesidades de espazo que teñen, é probable que, durante a realización das mesmas, permaneza cortado ou limitado, de forma momentánea, o paso nas inmediacións co fin de garantir a seguridade cidadá”.

En total, a poda afectará a 1.600 árbores, dunha vintena de especies distintas, distribuídas entre as rúas, onde se atopan plantadas ao redor de 900, e os xardíns, nos que se contabilizan aproximadamente outras 700.

Noticias relacionadas