O alcalde visita o centro Antonio Gandoy e pon e valor o traballo de Cohesión Social a prol das persoas maiores

Miguel Fernández, xunto á edil Olga López Racamonde, fixo entrega de agasallos ás e aos usuarios deste centro e recibiu adornos artesanais elaborados polos maiores.

Tanto o rexedor como a responsable de Cohesión Social destacaron os coidados e a asistencia que reciben ás 52 persoas que todos os días acoden a este centro municipal.

Os servizos que se prestan, entre eles transporte, médico, enfermería, fisioterapia o psicólogo, xunto aos gastos de persoal e mantemento, supoñen un custo duns 700.000 euros anuais para as arcas municipais.

Venres, 02 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde visita o centro Antonio Gandoy e pon e valor o traballo de Cohesión Social a prol das persoas maiores

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado polo edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, quixo cumprir coa tradición de visitar ás e aos usuarios do centro de día Antonio Gandoy, antes da chegada da festividade de Reis, para facerlles entrega de agasallos e compartir con todos eles uns momentos de ledicia e de intercambio de regalos de Nadal. Foi un encontro no que o alcalde puxo en valor o importante traballo que se leva a cabo neste centro municipal, no que se prestan ata nove servizos diferentes, cos que atender aos 52 usuarios e usuarias que cada día acoden a este centro municipal. Así, ademais do servizo de almorzo, xantar e merendas, as e os maiores dispoñen de médico, enfermería, fisioterapia, psicólogo, xerocultor, perruquería e podoloxía, cos que prestar esa atención integral durante unha xornada de oito horas, que supón, xunto aos gastos de persoal e de mantemento do centro, en torno a uns 700.000 euros ao ano.

Durante este encontro, o alcalde de Lugo tivo a oportunidade de saudar aos usuarios e usuarias do Antonio Gandoy, conversar e coñecer algunhas das súas suxestións para mellorar o centro. Houbo tempo tamén para felicitar o novo ano e para o tradicional intercambio de agasallos. Así, as e os maiores do Antonio Gandoy entregaron a Miguel Fernández e a Olga López Racamonde, adornos artesanais elaborados por eles mesmos de xeito artesanal.

A concelleira de Cohesión Social destacou que “este centro de día é clave no coidado da terceira idade da nosa cidade, ao igual que a atención que se presta a este sector da poboación desde o Concello de Lugo”. De feito, explicou que moitos dos 52 usuarios e usuarias deste centro comparten unha característica con outras 5.000 persoas de Lugo: o feito de vivir soas. Este tipo de centros contribúen a evitar a exclusión e o illamento social, algo que desde o Concello de Lugo entendemos como fundamental en calquera etapa da vida, pero máis importante aínda na terceira idade”, sinalou Olga López Racamonde.

Neste sentido, o alcalde de Lugo insistiu en que “desde o Concello de Lugo temos que responder á demanda de asistencia das persoas maiores que viven soas, por iso son tan importantes os programas que se están a desenvolver desde a área de Cohesión Social deste Concello, como son o Xantar no Fogar e Axuda no Fogar”. Sen embargo, tanto Miguel Fernández como Olga López Racamonde fixeron fincapé na necesidade de que “a Xunta de Galicia, como administración competente en materia de dependencia e benestar social, cumpra coas súas obrigas. Os concellos estamos a asumir competencias alleas para non deixar de atender aos nosos maiores, pero é necesaria a lealdade institucional e que a Xunta asuma dunha forma real e efectiva as súas competencias”, apuntaron.

Multimedia

  • O alcalde visita o centro Antonio Gandoy e pon e valor o traballo de Cohesión Social a prol das persoas maiores
  • O alcalde visita o centro Antonio Gandoy e pon e valor o traballo de Cohesión Social a prol das persoas maiores

Noticias relacionadas