O Alcalde reuniuse co Presidente da Asociación de Hostalería para tratar da colaboración entre o Concello e os hostaleiros en eventos como o Arde Lucus

Martes, 06 de setembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo hoxe unha reunión con representantes do sector da hostalería para tratar da colaboración dos hostaleiros co Concello nos distintos actos que se celebran na cidade como a festa do Arde Lucus. Na reunión participaron a Concelleira de Xuventude, Carmen Basadre, o Presidente da Asociación provincial de Empresarios de Hostalería, Cheché Real, e varios hostaleiros do centro histórico de Lugo.

O Alcalde salientou a importancia de que se produza esa colaboración por parte do sector hostaleiro xa que sinalou que “a unión fai a forza e desa colaboración nos beneficiaremos todos”. López Orozco manifestou que “o mellor da reunión foi o bo talante e as gañas de colaborar, algo que todos desexamos para todo tipo de actuacións e fundamentalmente para o Arde Lucus”. O Alcalde explicou que a xuntanza de hoxe serviu para “poñer unha primeira pedra coa que iniciamos o camiño dunha maior colaboración” que se irá concretando en sucesivas reunións. Tamén declarou López Orozco que ata agora, “o Concello foi podendo facer a festa e agora trátase de prever o futuro, tendo en conta as circunstancias económicas”.

Pola súa parte, o Presidente da Asociación provincial de Empresarios de Hostalería indicou que “nós desde a Asociación imos alentar que se produza esa colaboración polo que imos falar cos nosos asociados, xa que a colaboración terán que dala os negocios e cada un deles ten o seu patrón”. Explicou tamén que o xeito de colaboración dos hostaleiros pódese articular de distintos xeitos e avanzou que “iso será cuestión da falalo en posteriores xuntanzas”.

Multimedia

Noticias relacionadas