O alcalde recibe aos deportistas das escolas de baile de Gravitty e Star Dance, tralos bos resultados obtidos no Campionato do Mundo de Hip Hop de Narón

Miguel Fernández puxo en valor os logros deportivos nesta tempada e tamén a faceta altruísta dos centros, á hora de colaborar co Concello en iniciativas sociais e solidarias.

Mércores, 25 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde recibe aos deportistas das escolas de baile de Gravitty e Star Dance, tralos bos resultados obtidos no Campionato do Mundo de Hip Hop de Narón

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu esta tarde no salón de plenos do Concello de Lugo aos bailaríns e bailarinas das escolas de Lugo Star Dance e Gravitty, para felicitarlles en persoa polos bos resultados acadados ao longo da tempada, e en especial no Campionato do Mundo de Hip Hop, celebrado no pasado mes de maio en Narón. En dito mundial, competiron máis de 800 bailaríns e bailarinas de multitude de países, en catro categorías diferentes, nas que a cidade de Lugo estivo representada por estas dos escolas. O campionato realizado polos integrantes dos distintos equipos de Star Dance e Gravitty foi moi positivo, aínda que destacan entre outros logros, o medalla de bronce obtida por esta última escola na categoría Megacrew e o quinto posto na absoluta. Tamén foron moi recoñecidas e valoradas polos xuíces as coreografías dos equipos de Star Dance, nas categorías junior e absoluta, ambas clasificadas en cuarta posición e a décimas de facer podio.

O rexedor municipal felicitou ás e aos integrantes dos equipos de competición de ambas escolas pola tempada que vén de rematar, e tamén aos profesores e profesoras que integran Star Dance e Gravitty, centros que este ano cumpren 20 anos e 10, respectivamente. Neste sentido, o alcalde puxo en valor “o grao de implicación co baile pero tamén coa educación nuns valores que van moito máis aló do hip hop e das danzas urbanas; creando canteira pero tamén forxando o carácter das e dos bailarins e apostando por unha competitividade sá que non enfronta senón que aporta”.

Por último, valorou a utilización do baile e da danza como ferramenta “para crecer, para participar en moitas reivindicacións sociais e contribuír a iniciativas impulsadas polas distintas asociacións sen ánimo de lucro da cidade”, ao que engadiu que desde o Concello de Lugo “sempre atopamos o apoio de ambas escolas nas actividades que desenvolvemos”.

Multimedia

  • O alcalde recibe aos deportistas das escolas de baile de Gravitty e Star Dance, tralos bos resultados obtidos no Campionato do Mundo de Hip Hop de Narón

Noticias relacionadas