O alcalde destaca o valor do arte urbano como ferramenta de intervención na paisaxe lucense na súa visita á Praza do Castiñeiro

O artista Yoe33 executou o mural, comisariado por Concepto Circo e Diego As, nun proxecto moi participativo e que reflicte a poboación deste barrio lucense.

“O arte urbano é unha ferramenta fundamental para rexenerar a contorna pública da nosa cidade. Desde o noso goberno seguiremos promovendo este tipo de creación artísitica para embelecer os noso barrios”, sinalou o rexedor.

Lugo consolídase como unha das referencias europeas a través do programa Urban Cores, con máis dunha ducia de intervencións artísticas nos últimos anos, algunhas delas xa parte do patrimonio histórico artístico da cidade.

Venres, 19 de setembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde destaca o valor do arte urbano como ferramenta de intervención na paisaxe lucense na súa visita á Praza do Castiñeiro

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou hoxe a Praza do Castiñeiro para coñecer de primeira man a recente renovación do espazo, protagonizada por un mural de gran formato realizado polo artista Yoe33, e comisariado por Concepto Circo e Diego As. O mural que está a piques de rematar é un deseño de Manuel Pallín, realizado para darlle un lavado a esta emblemática praza lucense, que ata de agora lucía un mural moi deteriorado debido ás peculiaridades da superficie e ás inclemencias ambientais. A obra, de temática familiar, dotará de cor e luz á contorna, combinando elementos de ilustracións cun gran ceo, para pechar unha intervención artística moi participativa e na que se intentou reflectir a poboación deste barrio lucense.

Ademais, para garantir unha mellor conservación da obra, o muro foi sometido a tratamentos previos e posteriores. Esto permitirá non só un maior grao de resistencia, senón que en caso de danarse algunha zona, a reparación será moito máis sinxela, pola calidade e características dos materiais empregados.

“O arte urbano é unha ferramenta fundamental para rexenerar os grandes espazos públicos de todos os barrios da nosa cidade. Permítenos dar nova vida a lugares que forman parte da vida cotiá dos veciños e veciñas, ao tempo que os converte en espazos de encontro, creatividade e orgullo compartido”, sinalou o rexedor.

Fernández engadiu que “a paisaxe urbana é un magnífico lenzo para a expresión cultural. Cada intervención artística axúdanos a fortalecer o sentimento de pertenza a Lugo, a poñer en valor o noso patrimonio e as nosas raíces, e a transmitir os valores dunha sociedade máis igualitaria, xusta e consciente da súa orixe. Con proxectos coma este achegamos a cultura á rúa, facéndoa accesíbel para todas e todos”, subliñou o alcalde, ao tempo que destacou que “ademais de rexenerar rúas e prazas, estamos a poñer en valor o excelente nivel de artistas locais, tanto consolidados como emerxentes”.

Así mesmo, o rexedor quixo agradecer de forma especial o traballo e a implicación de Manuel Pallín neste proxecto e lembrou que “nos últimos anos desenvolvéronse en Lugo máis dunha ducia de intervencións de arte urbano dentro do programa Urban Cores, que puxeron en valor zonas emblemáticas dos barrios lucenses e que nos sitúan, segundo recoñecen as organizacións máis prestixiosas do sector, entre a elite das cidades europeas nesta disciplina artística”.

Multimedia

  • O alcalde destaca o valor do arte urbano como ferramenta de intervención na paisaxe lucense na súa visita á Praza do Castiñeiro
  • O alcalde destaca o valor do arte urbano como ferramenta de intervención na paisaxe lucense na súa visita á Praza do Castiñeiro

Noticias relacionadas