O Alcalde de Lugo recibe aos atletas de Aspnais gañadores de seis medallas nos xogos europeos de verán 2010

Mércores, 20 de outubro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os atletas, acompañados pola Presidenta de Aspnais, foron recibidos polo Alcalde e outros membros da corporación municipal no Salón de Plenos do Concello

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto con outros membros da corporación municipal, recibiron esta mañá no Concello aos cinco atletas de Aspnais que acadaron seis medallas nas probas de atletismo disputadas nos xogos europeos de verán 2010 celebrados en Varsovia.

Os deportistas galegos, que competiron nos xogos europeos de Verán Special Olympics Europa 2010, onde houbo un total de 1.500 participantes, acadaron dúas medallas de ouro, dúas de prata, e dúas de bronce. Carlos Yanes conseguiu unha medalla de ouro en 400 e 200 metros e unha medalla de prata en relevo 4x400 metros. Ana Laura Sordo acadou unha medalla de prata en 200 metros e un quinto posto en 400 metros. José Ángel Vila foi prata en relevo 4x400 metros e conseguiu un cuarto posto en 400 metros. Alejandra Quinteiro conseguiu bronce en 400 metros, e Julio Fernández Pita acadou outra medalla de bronce nos 400 metros.

Os atletas chegaron a recepción acompañados por María Concepción Teijeiro, Presidenta de Aspnais, que agradeceu o cariño e esforzo da xente de Lugo e do Concello coa asociación. Pola súa banda, o Alcalde felicitou aos rapaces e rapazas e os animou a seguir competindo e a levar o nome de Lugo ben alto.

Os deportistas de Aspnais agasallaron ao Alcalde cun libro sobre a cidade de Varsovia, lugar onde competiron nos xogos de verán. Pola súa banda, López Orozco lles fixo entrega dunha camiseta do programa conmemorativo do Décimo Aniversario Lugo10 e un libro sobre a Muralla Romana.

www.lugo10.es

Multimedia

Noticias relacionadas