O rexedor destacou o acerto deste colectivo para “poñer o foco en temas de grande interese, como nesta edición centrada na adolescencia e as alteracións das conductas”.
A presidenta do colectivo organizador, Elvira Fernández, sinalou que “a motivación este ano foi abordar a saúde mental na adolescencia desde distintos ámbitos da sociedade”.
A trixésimo novena edición será os días 28 e 29 na Deputación e contará con maxistradas de xulgados de menores, psicólogos, avogadas, psicopedagogas e psiquiatras.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, participou esta mañá na presentación das trixésimo novenas Xornadas Penitenciarias Lucenses, que se desenvolverán os vindeiros días 28 e 29, no salón de actos da Deputación de Lugo, e que este ano abordarán o tema da adolescencia, a enfermidade mental e os trastornos emocionais. O rexedor lucense sinalou que estas xornadas son todo un exemplo de “evento consolidado na defensa dos dereitos das persoas no ámbito penitenciario e na xustiza social para os colectivos máis vulnerables, algo que constitúe o fin último do traballo da Asociación Concepción Arenal”, ao tempo que puxo en valor a temática escollida para esta edición, porque “porá o foco nunha problemática de gran importancia, de moita actualidade, e que está a xerar moita preocupación, polo que precisa dunha maior implicación de todos os ámbitos sociais e xurídicos, para abordar os retos e obxectivos para avanzar nesa igualdade e nesa xustiza social, claves para a nosa sociedade de dereito”.
Ademais, o alcalde de Lugo se referiu ao traballo da Asociación Concepción Arenal, APCA, como un “referente de compromiso e de implicación” ao que sumou a colaboración dos ponentes nestas xornadas, como maxistradas de xulgados de menores, psicólogos clínicos, avogadas, psicopedagogas, educadoras sociais, psiquiatras e orientadoras educativas, entre outras persoas que participan nesta nova edición”.
Pola súa banda, a presidenta da Asociación Concepción Arenal, Elvira Fernández, sinalou que o obxectivo desta edición é abordar os cambios de conducta na adolescencia desde o ámbito educativo e da saúde mental, para ter unha visión xeralizada, ao tempo que analizamos os recursos dispoñibles”. Na mesma liña falaron o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; a vicepresidenta da APCA e directora da Uned, Ana Traseira; e o secretario da APCA e secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Víctor Fraga.
Todos eles fixeron fincapé na importancia desta iniciativa para contribuír a unha sociedade máis xusta e igualitaria, ao tempo que insistiron en que agardan unhas xornadas moi interesantes, enriquecedoras e instructivas. Tamén se destacou a implicación dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso, que estiveron representados polos seus directores, José Manuel Pernás e Félix Rodríguez, respectivamente.
As Xornadas Penitenciarias Lucenses comezarán o vindeiro martes, ás 18.00 horas, coa inauguración desta trixésimo novena edición para continuar ás 19.00 horas coa ponencia “¿Qué hay de nuevo en la salud mental de los adolescentes?”, a cargo do psicólogo clínico e profesor da USC Ricardo Fandiño. O mércores, desde as 18.30 horas, e tamén no salón de actos da Deputacion de Lugo, terá lugar a mesa redonda “Contextos de intervención con adolescentes con problemas”, coa participación de maxistrados e maxistradas de xulgados de menores, psicólogos clínicos, avogadas, psicopedagogas, educadoras sociais, psiquiatras e orientadoras educativas.





