O alcalde de Lugo amosa a súa decepción polo novo atraso na autovía Nadela–Sarria, que non estará rematada antes de 2028

“Mesmo a data comprometida para 2026 xa era tarde: este proxecto leva máis dunha década de atraso”, advertiu o rexedor.

“A falta de investimento da Xunta supón un agravio comparativo para a cidadanía e o tecido produtivo lucense”, destacou Fernández.

“Lugo merece respecto, merece investimento e merece feitos, non anuncios que se pospoñen ano tras ano”, concluíu o alcalde.

Martes, 14 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde de Lugo amosa a súa decepción polo novo atraso na autovía Nadela–Sarria, que non estará rematada antes de 2028

 O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, expresou hoxe a súa fonda preocupación polo novo atraso na execución da autovía Nadela–Sarria, unha infraestrutura que cualificou de “fundamental para o desenvolvemento económico e social da cidade e da súa área de influencia”.

Segundo as últimas previsións coñecidas, a autovía non estará rematada, como mínimo, ata o ano 2028, cando o compromiso expresado polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, situaba a finalización no ano 2026. Fernández lembrou que, mesmo cumpríndose ese prazo, a execución xa chegaría tarde, porque “a conversión completa deste corredor en autovía leva máis dunha década de atraso acumulado, e é unha mostra evidente da falta de vontade política da Xunta coa provincia de Lugo”.

“Falamos dunha vía estratéxica para a mobilidade, para a competitividade económica e para a cohesión territorial. Non é só unha autovía: é unha ferramenta clave para o desenvolvemento da nosa cidade e para garantir a igualdade de oportunidades dos lucenses”, sinalou o rexedor.

O alcalde lembrou que esta autovía é unha demanda histórica, e criticou que “a lentitude coa que a Xunta está a executar os traballos resulta incomprensible. Engadiu que nos últimos trece anos a Xunta só puxo en servizo once quilómetros de autovía na provincia de Lugo, concretamente no corredor Lugo–Sarria, “que, a día de hoxe, segue inacabado e sen data certa para a súa conclusión”.

Segundo Fernández, “os datos son tan claros como preocupantes: máis dunha década de atraso e investimentos mínimos que impiden o avance real dunha infraestrutura esencial”. De feito, o alcalde advertiu de que a dotación orzamentaria prevista pola Xunta desafortunadamente parece que será  insuficiente para un proxecto que debería ser prioritario e necesita avanzar a un ritmo maior do previsto”.

“Para atopar outro quilómetro de vía desdobrada posto a disposición da veciñanza da provincia hai que remontarse ao ano 2010, cando entrou en funcionamento o tramo entre Cabreiros e Vilalba, que conecta coa A-8, e cuxa licitación e execución deixou lista un goberno socialista. Iso demostra quen cre realmente nas infraestruturas desta provincia”, engadiu Fernández.

O rexedor lucense insistiu en que este novo atraso supón un agravio comparativo para Lugo respecto doutras zonas de Galicia, tanto polo seu impacto económico como pola súa incidencia na mobilidade. A nosa cidadanía e o noso tecido produtivo levan demasiado tempo soportando as consecuencias deste esquecemento, e non é xusto que Lugo siga sendo a provincia á que sempre lle toca esperar mái ”, afirmou.

Fernández subliñou que o Concello de Lugo, pola súa banda, mantén unha actitude de colaboración e lealdade institucional, pero lembrou que esa lealdade debe ser recíproca.

“Non se trata de competir entre administracións, senón de cooperar con responsabilidade, de poñer por diante o interese xeral e de impulsar proxectos que repercuten directamente na calidade de vida dos lucenses”, indicou.

O alcalde rematou facendo un chamamento á Xunta de Galicia para que impulse con decisión todos os proxectos comúns co Concello de Lugo, especialmente aqueles que “son fundamentais para mellorar as comunicacións, a mobilidade e o desenvolvemento económico da cidade”.

“Lugo merece respecto, merece investimento e merece feitos, non anuncios que se van pospoñendo ano tras ano. A autovía Nadela–Sarria non pode seguir agardando. É o momento de actuar con responsabilidade, de cumprir os compromisos e de deixar de penalizar a esta provincia coa falta de dilixencia e planificación”, concluíu Miguel Fernández.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o Corredor Nadela - Sarria | Descargar mp3

Noticias relacionadas