Ana González Abelleira deu a coñecer as bases destes tres certames, que convoca o Concello para difundir a importancia de acabar co machismo
Todas as persoas interesadas en participar poden entregar os seus traballos ata as 13:00 horas do día 20 e 27 de outubro, e 1 de decembro, respectivamente, na Casa da Muller
O Concello, para conmemorar o Día Internacional das persoas maiores, celebrará este domingo unha comida nas casetas do polbo, ás 14:00, con aforo limitado a 700 persoas. É preciso inscribirse no Centro de Convivencia Maruja Mallo

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Benestar Social, Ana González Abelleira, deu a coñecer este mércores as bases que rexerán os certames de deseño gráfico, narrativa e fotografía contra a violencia de xénero, que convoca o Concello para loitar pola igualdade real entre mulleres e homes e para difundir a importancia de acabar coa lacra de violencia de xénero, que no que vai de ano acabou con 37 mulleres, segundo datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
Durante o acto de presentación, a edil puxo en valor estes concursos "transmisores da sensibilización sobre a violencia machista, un traballo que debe realizarse a cotío e unha misión de toda a cidadanía, na que debemos particpar activamente os 365 días do ano". Por este motivo, González Abelleira convidou á sociedade a presentar traballos a estes certames, nos que poderán concorrer cantos autores e autoras o desexen.
No caso do de deseño gráfico, os traballos serán de tamaño e técnica libre, que deberán ser presentados en soporte ríxido que facilite a súa posible exposición. Será requisito indispensable que figure o logotipo do Concello e o logotipo da Casa da Muller. O deseño gañador deste concurso, será o cartel anunciador das actividades do Concello do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
No que se refire ao de fotografía, que leva por nome Revelando o machismo e que neste 2017 se celebra a súa sétima edición, as fotos terán un tamaño de 20x30 centímetros como mínimo e 40x50 centímetros como máximo. Presentaranse sobre cartolina branca ou cartón ríxido de 50x70 cuxo grosor non exceda de 1,5 centímetros. Admitiranse traballos tanto en branco e negro coma en cor.
Os traballos deberán ser presentados de maneira anónima e baixo lema, e nun sobre adxunto, pechado e baixo o mesmo lema, inidicarase os datos persoais do ou da participante.
En canto ao VII Certame de Narrativa Xuvenil Entre Iguais, poderán participar mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Os traballos serán inéditos, escritos en lingua galega. O tema será libre, basada en calquera aspecto relacionado coa igualdade entre mullere e homes: o reparto das tarefas do fogar, o coidado das persoas ou o acceso ao traballo, entre outros. A extensión máxima será de cinco folios e deberase presentar por triplicado nun sobre co texto VI Certame de Narrativa Xuvenil Entre Iguais, sen remite e baixo un lema, e noutro sobre, co mesmo lema, os datos persoais do participante, que poderán presentar ata un máximo de tres traballos.
Prazos de entrega e premios
Os deseños, fotografías e narracións serán enviadas á Casa da Muller, situada no Parque da Milagrosa, na Avenida da Coruña, 212, ata as 13:00 horas do día 20, do 27 de outubro, e do 1 de decembro, respectivamente. O primeiro premio para os dous primeiros certames é de 600 euros e no de narración, para a categoría de 12 a 14 anos, un premio valorado en 200 euros e no de 15 a 18 anos, de 250. Os traballos premiados quedarán a dispor do Concello.
Máis información en www.lugo.gal, na Casa da Muller, no teléfono 982-29-74-12 e no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org
Día Internacional das persoas maiores
O Concello de Lugo, para conmemorar o Día Internacional das persoas maiores, celebrará este domingo, 1 de outubro, unha comida nas casetas do polbo, ás 14:00, con aforo limitado a 700 persoas, maiores de 60 anos, e un prezo de 10 euros, sendo preciso inscribirse no Centro de Convivencia Maruja Mallo ata as 14:00 horas deste venres, 29 de setembro.
Este día celébrase en todo o mundo de formas moi diversas e pretende fomentar a concienciación social sobre os beneficios da prolongación da vida para a humanidade e da necesidade de respectar os dereitos dos maiores e de coñecer as súas necesidades socioeconómicas e afectivas.
Audio
- Ana González Abelleira, sobre a violencia de xénero | Descargar mp3
Documentos
- Bases Certame Narrativa | Descargar pdf
- Bases Certame Deseño Gráfico | Descargar pdf
- Bases Certame Fotografía | Descargar pdf