Ana González Abelleira e representantes de ASORLU presentaron este mércores o IX Encontro da Muller Xorda en Galicia, que inclúe unha andaina reivindicativa pola Muralla, a lectura dun manifesto, unha mesa redonda e un relatorio

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e representantes da Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU) presentaron este mércores no Salón de Plenos o IX Encontro da Muller Xorda en Galicia, que este ano terá lugar na cidade luguesa, o vindeiro sábado 12 de marzo. O Concello colabora coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia nesta iniciativa, posto que se enmarca no seu compromiso por buscar unha igualdade real e efectiva.
Durante o acto de presentación, a Concelleira fixo fincapé no papel “fundamental” da muller en todos os eidos da sociedade. “Temos que facernos ver e facer chegar as nosas voces coas capacidades que todas e cada unha de nos temos e dignificar así o traballo que se fai en prol dos dereitos das mulleres dende todos os ámbitos”, subliñou González Abelleira, quen insistiu en facer partícipe a este colectivo da vida cotiá e en visibilizar a estas mulleres para propiciar o seu avance e protagonismo na sociedade actual e implicalas tanto na vida económica como na política e na toma de decisións.
Pola súa banda, ASORLU agradeceu a colaboración do Concello para levar a cabo en Lugo este encontro ao tempo que denunciou a dobre discriminación que sofren as mulleres xordas.
O programa de actividades arrincará ás 11:00 horas cunha andaina reivindicativa pola Muralla, con saída da Praza Pío XII. Posteriormente, ás 12:30 horas, terá lugar a lectura dun manifesto na Praza Maior con motivo do Día da Muller Xorda. En xornada de tarde, ás 16:00 horas na Facultade de Formación do Profesorado, celebrarase a mesa redonda Muller Xorda: O seu empoderamento e tras esta, o relatorio ¿Cómo chegar a ser unha senadora sendo unha persoa xorda?, a cargo da senadora Pilar Lima.
Máis info
- Programa do IX Encontro da Muller Xorda en Galicia |Descargar PDF
Audio
- Ana González Abelleira, sobre o IX Encontro da Muller Xorda en Galicia|Descargar mp3