Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > As mulleres xordas de Galicia buscan a igualdade este sábado con diversas actividades en Lugo

As mulleres xordas de Galicia buscan a igualdade este sábado con diversas actividades en Lugo

Ana González Abelleira e representantes de ASORLU presentaron este mércores o IX Encontro da Muller Xorda en Galicia, que inclúe unha andaina reivindicativa pola Muralla, a lectura dun manifesto, unha mesa redonda e un relatorio

  • Tema
    • Benestar social,
    • Igualdade,
    • Igualdade de dereitos,
    • Inclusión
Mércores, 09 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As mulleres xordas de Galicia buscan a igualdade este sábado con diversas actividades en Lugo

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e representantes da Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU) presentaron este mércores no Salón de Plenos o IX Encontro da Muller Xorda en Galicia, que este ano terá lugar na cidade luguesa, o vindeiro sábado 12 de marzo. O Concello colabora coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia nesta iniciativa, posto que se enmarca no seu compromiso por buscar unha igualdade real e efectiva.

Durante o acto de presentación, a Concelleira fixo fincapé no papel “fundamental” da muller en todos os eidos da sociedade. “Temos que facernos ver e facer chegar as nosas voces coas capacidades que todas e cada unha de nos temos e dignificar así o traballo que se fai en prol dos dereitos das mulleres dende todos os ámbitos”, subliñou González Abelleira, quen insistiu en facer partícipe a este colectivo da vida cotiá e en visibilizar a estas mulleres para propiciar o seu avance e protagonismo na sociedade actual e implicalas tanto na vida económica como na política e na toma de decisións.

Pola súa banda, ASORLU agradeceu a colaboración do Concello para levar a cabo en Lugo este encontro ao tempo que denunciou a dobre discriminación que sofren as mulleres xordas.

O programa de actividades arrincará ás 11:00 horas cunha andaina reivindicativa pola Muralla, con saída da Praza Pío XII. Posteriormente, ás 12:30 horas, terá lugar a lectura dun manifesto na Praza Maior con motivo do Día da Muller Xorda. En xornada de tarde, ás 16:00 horas na Facultade de Formación do Profesorado, celebrarase a mesa redonda Muller Xorda: O seu empoderamento e tras esta, o relatorio ¿Cómo chegar a ser unha senadora sendo unha persoa xorda?, a cargo da senadora Pilar Lima. 

Máis info

  • Programa do IX Encontro da Muller Xorda en Galicia |Descargar PDF [1]

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre o IX Encontro da Muller Xorda en Galicia|Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/mulleres-xordas-de-galicia-buscan-igualdade-este-sabado-con-diversas-actividades-en-lugo

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/programa_encuentro_ms_2016.pdf
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/090316_ana-abelleira-actividades-muller-xorda.mp3