O Concello estudará asumir a realización dun ensaio xeotécnico para valorar a estabilidade do noiro e os riscos que entraña o seu estado actual.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, mantivo esta mañá un novo encontro coas persoas afectadas polo desprendemento de terra ocorrido días atrás en Castelo.
O edil recibiu en dependencias municipais a unha representación da veciñanza para clarificar a titularidade das parcelas danadas, logo de que se descartase a existencia de bens públicos na zona, e para comunicarlles tamén as conclusións do protocolo elaborado polo Servizo de Enxeñería do Concello.
Fernández, que estivo acompañado polo xefe dese Departamento, explicoulles que o criterio técnico aconsellaba, primeiramente, que unha ou un perito avalíe a situación e realice un protocolo de gretas para facer unha análise global da situación.
O responsable de Medio Ambiente deixou manifesta non só a preocupación do Executivo de Lara Méndez polo benestar e a seguridade das persoas residentes nas vivendas comprometidas pola caída da ladeira, senón tamén a súa vontade de colaboración en todo canto estea na man da Administración local.
E nese sentido, avanzou que o Concello estudará asumir a elaboración dun ensaio xeotécnico imprescindible para valorar, entre outros aspectos, a estabilidade do noiro e os riscos que entraña o seu estado actual. “Un documento – abondou – que incluiría tamén as solucións máis acaídas para conter o muro ou as medidas provisionais máis aconsellables”, engadiu Miguel Fernández.
“Tratándose de predios privados o impulso das actuacións debe vir da propiedade pero iso non resta un ápice á nosa vontade de cooperación, con accións de asesoramento técnico e brindando o apoio que precisen”, concluíu o tenente de alcaldesa.
Audio
- O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre a reunión coa veciñanza de Castelo | Descargar mp3