Medio Ambiente insta á Xunta de Galicia a mellorar a seguridade no roteiro peonil de Os Muíños, en pésimo estado de conservación

O tenente de Alcaldesa, Miguel Fernández, solicita ao goberno galego que acondicione canto antes a parte do paseo que é da súa titularidade “xa que supón un foco de perigo para as e os viandantes”.

Nos últimos meses o Concello de Lugo investiu 7.555 euros na reparación dos sendeiros municipais coa colocación de malla metálica nas pasarelas.

Luns, 28 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente insta á Xunta de Galicia a mellorar a seguridade no roteiro peonil de Os Muíños, en pésimo estado de conservación

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, instou hoxe á Xunta de Galicia a intervir canto antes na parte do roteiro peonil de Os Muíños que é de titularidade autonómica, para mellorar a súa seguridade. “Un dos itinerarios rurais máis emblemáticos do municipio e que se atopa nun pésimo estado de conservación debido ao abandono que sofre”.

O edil sinalou que “só nesta primavera, o Concello de Lugo investiu 7.555 euros na colocación de 1.576 metros de malla antiesvarante nas pasarelas de madeira dos sendeiros que son competencia da Administración local, para evitar posibles escorregamentos e caídas derivadas da presenza de follas ou de humidade sobre a tarima. Traballos que se coordinaron cos labores de mantemento e limpeza habituais, programados durante todo o ano e co fin de ofrecer á cidadanía unha contorna atractiva pero tamén segura”.

Así, dende Medio Ambiente actuouse nas pontellas da ruta de Ombreiro ao completo; na ponte que hai antes de chegar á Estación Depuradora de Augas, no sendeiro do Río Miño; e tamén no roteiro de Os Muíños, ata chegar ao Muíño de Abelleira, “xa que o resto do tramo pertence á Xunta”, sinalou Fernández.

O tenente de alcaldesa indicou que é precisamente a partir deste punto do percorrido cando o traxecto se torna insalvable “debido ao desleixo que afecta a todo o camiño e que chega a comprometer a integridade das persoas usuarias”.

“Non en van – abondou Fenández - son numerosísimas as queixas que a veciñanza leva meses trasladando ás institucións para que se reverta a situación do enclave, reivindicacións ás que tamén dende o Concello de Lugo nos sumamos, non só pedindo que se repare, senón tamén en prol da recuperación deste espazo como patrimonio natural para poñelo a disposición, nunhas condicións axeitadas, tanto de lucenses como de visitantes”, reclamou Miguel Fernández.

Audio

  • O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre o arranxo da ruta dos Muíños | Descargar mp3

Multimedia

  • Medio Ambiente insta á Xunta de Galicia a mellorar a seguridade no roteiro peonil de Os Muíños, en pésimo estado de conservación
  • Medio Ambiente insta á Xunta de Galicia a mellorar a seguridade no roteiro peonil de Os Muíños, en pésimo estado de conservación

Noticias relacionadas